Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Plan para a dinamización demográfica pretende estimular a natalidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta de Galicia vén de dar o visto e prace ás liñas mestras do Plan para a Dinamización Demográfica 2012-2015, horizonte 2020, que será presentado mañá ao Parlamento e remitido á Comisión de estudo que está traballando este asunto na Cámara galega. O plan conta con catro eixos prioritarios: sensibilizar á cidadanía; impulsos socioeconómicos á maternidade-parternidade; apoio ás familias e mellorar a coordinación das administracións.

En relación ao primeiro eixo, Feijóo subliñou que na enquisa realizada para coñecer a súa percepción, “os galegos non nos sentimos conscientes do problema demográfico da nosa terra, polo que é preciso –aseverou- facer campañas de información para saber que, en Galicia, hai un problema larvado”. E, sobre o segundo eixo, destacou a necesidade de fomentar estímulos que apoien a decisión dos galegos de converterse en pais ou nais; desde apoios económicos progresivos, vinculados á riqueza dos pais, ata a axilización dos trámites de adopción ou sensibilización do sector empresarial para aplicar tarifas de tipo social.

Así mesmo, o titular da Xunta referiuse ao apoio ás familias, con medidas que faciliten a conciliación da vida familiar como o incremento, a pesares da crise, do número de prazas das escolas infantís; fomentando a racionalización dos horarios e facilitando o acceso á vivenda e ao transporte. “E é preciso mellorar a coordinación das distintas administracións. Todos deberíamos priorizar nos nosos plans de goberno, nos nosos plans estratéxicos a demografía de Galicia como problema”, afirmou, en relación ao cuarto eixo.

Se ben, Feijóo recoñeceu que se trata dun plan a longo prazo “e que a sociedade ten que completar”, aseverou que con esta proposta se está dando resposta a un compromiso político pero sobre todo a unha necesidade do país. “As liñas mestras ás que hoxe damos o visto e prace non é máis ca unha proposta que nace do Parlamento galego, xa que incorpora as principais conclusións obtidas na Comisión parlamentaria, a data de hoxe. É unha proposta que debe ser completada e pechada no propio Parlamento para que sexa un compromiso para os gobernos seguintes. Vamos a seguir traballando. A consellería de Traballo e Benestar presentará este plan, mañá, no Parlamento para remitir á Comisión e que esta siga traballando nel como considere oportuno. Hai 29 medidas que teñen que ser enriquecidas se cabe e concretadas se procede. Sería un bo final de compromiso dos intereses xerais un pacto polo rexuvenecemento de Galicia”.

Feijóo quixo agradecer o traballo da Comisión e animouna a seguir liderando este asunto para intentar atopar, nesta lexislatura, unha estratexia única. “É unha tarefa do Goberno e do Parlamento sensibilizar á poboación galega sobre o problema que temos como país en Galicia. O obxectivo é complexo, pero se nunca se intenta, nunca o imos acadar”.

O presidente da Xunta concluíu, recordando que os datos evidencian que o inverno demográfico que existe en Galicia é moi preocupante: o 22% da poboación galega ten máis de 65 anos; en 10 anos, Galicia podería chegar a perder o 5% da súa poboación -147.000 habitantes-; a taxa bruta de natalidade está por debaixo da media (8,5 en Galicia fronte ao 10,5 en España); a idade media está por debaixo da media (Galicia, 44,9 anos e, en España, 39,5 anos); e a poboación menor de 14 anos tamén está por debaixo da media (11,59 en Galicia e 14,8 en España).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia