Inícianse os trámites para a creación da primeira Axencia Tributaria de Galicia en 30 anos de autonomía
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/rueda_prensa_consello.jpg)
Nun primeiro termo, Feijóo explicou que maior eficacia significa incrementar un 20% a recadación por impostos propios e impostos cedidos, o que supón un incremento de 20 millóns de euros cada ano de ingresos á facenda pública. “E máis eficiente significa reducir os custes de funcionamento en 15 millóns de euros nun cuadrienio; é dicir, algo máis de 4 millóns de euros anualmente. Isto significa, en termos de maior recadación e en termos de menor custe na xestión da recadación, uns 24 millóns de euros máis cada ano na facenda autonómica sen incrementar os impostos, case 100 millóns de euros nunha lexislatura”.
Así mesmo, o titular da Xunta subliñou que o novo organismo suporá, tamén, unha mellor asistencia para os cidadáns, “porque temos o compromiso de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias aos galegos para non incorrer en multas ou para non incorrer en liquidacións complementarias ou liquidacións paralelas por falta de coñecemento no momento da liquidación dos impostos cedidos ou dos impostos propios”.
A Axencia Tributaria de Galicia persigue un triplo exercicio de austeridade, de profesionalización e de coordinación para poder cumprir un dobre obxectivo: “fortalecer o cumprimento tributario a través da loita directa contra o fraude fiscal, tamén con actuacións tendentes ao pagamento voluntario deses tributos; e poñer en marcha un sistema completo de asistencia ao contribuínte”.
En relación ao exercicio de austeridade e simplificación administrativa, Feijóo salientou que o novo organismo supón a desaparición da Dirección xeral de tributos, das cinco xefaturas provinciais ou territoriais da Consellería de Facenda e a desaparición das 42 oficinas liquidadoras de impostos. “E potenciamos a escala superior e técnica de finanzas para que cada vez haxa uns funcionarios máis competentes, máis especializados na xestión, tramitación e liquidación dos tributos propios da Comunidade autónoma”, explicou en relación á profesionalización.
No tocante ao exercicio de coordinación, o responsable do Goberno galego precisou que a Axencia Tributaria de Galicia aglutinará todas as funcións tributarias que nos corresponden polos impostos propios e polos impostos cedidos da comunidade autónoma. “Polo tanto, un único organismo para todos os impostos propios e cedidos estatutarios, propios e cedidos a Galicia”.
Amais dunha aposta clara polas novas tecnoloxías, Feijóo subliñou que a Axencia busca reducir ao mínimo a burocracia; “e, neste eido –explicou- estamos traballando xa nos aplicativos para concretar unha xanela única telemática que permita conectar ao contribuínte cos diferentes rexistros -xa sexa da propiedade ou mercantil-, e que permita ao contribuínte cumplimentar todos os trámites que ten que realizar, tanto o outorgamento da escritura pública no notario e a inscrición no rexistro, e a liquidación dos actos ou dos negocios que tributan”.
Dentro da mellora do servizo de asistencia ao contribuínte, o presidente da Xunta destacou, amais, a creación dunha área de información e de asistencia para os contribuíntes e departamentos de información e de asistencia –un en cada unha das delegacións da axencia-. “Crearase un servizo de atención telefónico e de postos de atención continuada e imos, tamén a facilitar cita previa para evitar desprazamentos e esperas a aqueles contribuíntes que queiran facer unha consulta para cumprir mellor as súas obrigas tributarias”, engadiu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia