Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Concello de Mugardos e Adega poñen en marcha o programa de compostaxe caseira

O xoves 2 de decembro comezarase coa distribución de 15 composteiros a outras tantas familias, logo de que o 5 de outubro se fixese a presentación do programa no Concello de Mugardos. Educadores ambientais da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) iniciarán o reparto, montaxe e instalación dos composteiros, a primeira explicación individual e a entrega do Manual de Compostaxe Caseira. Estas actividades, que continuarán en días vindeiros, irán acompañadas das visitas de seguimento a realizar nos próximos 6 meses.

Algo máis da metade do lixo que se xera é materia orgánica fermentábel, residuos procedentes da limpeza de hortalizas e outros alimentos da cociña, restos de comidas, papel alimentar de envolver, e restos de plantas da casa ou do xardín. Tratase da fracción húmida do lixo, medio millón de toneladas anuais en Galiza, a razón de medio quilo por persoa e día; a fracción de lixo máis limpa, libre en orixe de substancias tóxicas, e que pode ser reciclada enteiramente mediante procesos naturais.

O Programa de Compostaxe Caseira é un programa de Educación Ambiental Comunitario que a ADEGA vén desenvolvendo con diversas entidades, centros de ensino e concellos, entre os que están Santiago de Compostela, Ferrol, Arzua ou Serra de Outes.

Confígurase, para isto, como un proxecto fundamentalmente educativo, de baixa tecnoloxía, pero no que os coñecementos reais do proceso de compostaxe e dos aspectos ecolóxicos da xestión do lixo son esenciais.

A finalidade deste proxecto, ao que se suma o Concello de Mugardos en convenio con ADEGA, é consolidar unha práctica que aínda existe nos nosos días e que se está a perder. Preténdese dar a coñecer a posibilidade de tratar estes residuos na horta ou no xardín e, a quen xa o facía, optimizar esta práctica e consolidala como unha alternativa ecolóxica e de futuro, así como gañar experiencia para estendela a áreas mais grandes.
Ramsés Pérez Rodriguez