Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Facenda destina case 3 millóns de euros ao Estatuto de Capitalidade de Compostela

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, e o alcalde de Santiago, Ángel Currás, asinaron o convenio de colaboración polo que o Goberno galego financia o Estatuto de Capitalidade da cidade compostelá.

Segundo o texto acordado, o apoio económico da Xunta de Galicia ao Concello de Santiago de Compostela para facer fronte aos gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autónoma galega ascende a 2.703.000 euros para o ano 2012.

A Administración galega cumpre así co seu compromiso de contribuír ao sostemento dos servizos derivados da condición de capitalidade de Galicia e sede das súas institucións que ten atribuídas a cidade.

O pagamento desta contía realizarase de xeito fraccionado. O primeiro libramento deberá realizarse con anterioridade ao 15 de xuño, o segundo antes do 30 de setembro e o último antes do día 15 de decembro.

Estatuto de capitalidade

O 24 de xullo de 2002 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 4/2002, de 25 de xuño, do Estatuto da capitalidade de Santiago de Compostela, co obxecto de regular o estatuto especial desta cidade como sede das institucións autonómicas e polo seu recoñecemento como capital da Comunidade Autónoma de Galicia. Establécense así os mecanismos adecuados para o tratamento xurídico-administrativo e financeiro da capitalidade desta cidade.

A fixación de Santiago como sede das institucións autonómicas supuxo un fito que engadiu, á xa tradicional dinámica da cidade, a necesidade de afrontar novos retos, particularmente en relación coa prestación de servizos públicos, así como coa implantación de dotacións e equipamentos, determinados directamente pola presenza das institucións autonómicas no termo municipal.

Esta lei establece unha previsión de financiamento específico nos orzamentos xerais da comunidade autónoma co que se pretende contribuír ao financiamento dos servizos e gastos do concello motivados por este estatuto de capitalidade e por ser a sede das institucións galegas.

O órgano encargado da interpretación e do seguimento do cumprimento desde convenio será o Consello da Capitalidade, como órgano colexiado de carácter permanente, creado pola citada lei. A súa vixencia estenderase desde o asinamento ata o 31 de decembro de 2012.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia