Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Modernización Tecnolóxica aposta por construír un futuro dixital en igualdade

A directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica, Amtega de Galicia, Mar Pereira, participou no acto organizado polo Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (COETEG) con motivo do Día Internacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información,que se celebra o 17 de maio e que este ano está dedicado ás “Mulleres e as Nenas nas TIC”.

Por este motivo, o COETEG decidiu organizar un acto con colexios da Comunidade, de xeito que a través de videoconfencia desde o Centro de Supercomputación de Galicia se conectou con catro centros educativos das catro provincias galegas.

Alumnos a alumnas de entre 12 e 17 anos dos IES Leiras Pulpeiro de Lugo, do CEIP Sal Lence da Coruña, do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, do IES Sánchez Cantón de Pontevedra e do Politécnico de Vigo tiveron ocasión de trasladar as súas preguntas sobre novas tecnoloxías aos asistentes a través dun chat.

Os alumnos amosaron o seu interese polas saídas profesionais das carreiras do ámbito tecnolóxico, pola presenza das mulleres nestas profesións e tamén polos seguintes pasos do Proxecto Abalar.

Futuro Dixital en Igualdade

Mar Pereira afirmou que “debemos construír un futuro dixital en igualdade” que implique unha maior presenza das mulleres no eido tecnolóxico tanto nos estudos como a nivel profesional.

En Galicia o 61,4% dos traballadores do sector TIC son homes (9.737 homes) fronte ao 38,6% de mulleres (6.118 mulleres). No ámbito universitario, no curso 2009-2010 as mulleres representaron só o 24,63% do total de titulados en Enxeñaría en Informática e o 30,63% en Enxeñaría en Telecomunicacións, mentres que representan un 63,77% no conxunto de persoas tituladas do Sistema Universitario Galego.

No acto, xunto con Mar Pereira participaron a vogal da Xunta Directiva do COETEG que leu o manifesto da entidade con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e a directora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Edita de Lorenzo.

Centros Abalar

Os centros educativos que participaron neste encontro están integrados no Proxecto Abalar, que desde 2010 está a integrar as TIC na aulas. A terceira fase de Abalar permitirá que no curso 2012-2013 un total de 45.000 alumnos conten con ultraportátiles e outros 15.000 disporán de 782 kits de aulas dixitais conformadas por proxectores, portátiles e pizarras dixitais co que serán 60.000 os alumnos que durante o vindeiro curso estarán integrados xa no proxecto.

Redes de 100Mpbs

Estes centros forman parte do 184 centros educativos da Comunidade que dispoñen das redes máis punteiras con velocidades de 100Mpbs, unha mellora das redes de telecomunicación que está a desenvolver a Amtega no marco do Plan de Banda Larga.

A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito o alumnado pode ter un acceso máis efectivo á rede, sen esperas ou contratempos; poden conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permite o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia