Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Cultura e Educación programa actividades das Letras Galegas nas bibliotecas nodais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa accións de difusión social da figura e da obra de Valentín Paz-Andrade a través das bibliotecas nodais de Galicia, con motivo do Día das Letras Galegas 2012. Estes centros, situados nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, organizan estes días un completo programa de iniciativas dirixidas a nenos e adultos arredor do 17 maio, no marco da campaña de difusión desta celebración que está a promover a Xunta en todos os concellos de Galicia.

A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela fai o Día das Letras protagonista do seu programa habitual de actividades. Así, Biblioteca Participativa ten previsto o día 16 a representación da obra de teatro de Paz-Andrade Boas-vindas mariñeiros, a cargo de Judith Rodríguez. O día 18, alumnas do ciclo superior de Educación Infantil do CIFP Compostela serán as encargadas dunha actividade que conxuga contos e obradoiro de marcapáxinas, e que vai dirixida a nenas e nenos de 3 a 8 anos. Os sábados choiva de contos dedicarase o 19 de maio ao contacontos Día das Letras Galegas, a cargo de Taniauria, para nenas e nenos de 4 a 12 anos.

Ademais, a biblioteca nodal de Compostela acolle as mostras bibliográficas 17 de maio, Día das Letras Galegas, na Sala Infantil, e Día das Letras Galegas: Valentín Paz- Andrade, no segundo andar, ambas as dúas ata o 31 deste mes.

No marco desta celebración, todos os pequenos de 3 a 14 anos que o desexen poderán participar no II Concurso de carteis do Día das Letras Galegas, polo que recibirán un diploma de participación. Os 3 gañadores recibirán como agasallo un lote de libros.

Mostras, música e poesía na Coruña

Pola súa parte, a Biblioteca González Garcés da Coruña recorda a figura do autor homeaxeado coa elaboración dunha guía de lectura e unha mostra bibliográfica das súas obras, así como coa exposición dos carteis gañadores do concurso-exposición Letras Galegas 2012, organizado pola Consellería e no que resultaron gañadores os traballos Colleita, do IES Xoán Montes, e Valentín Paz-Andrade, galego de corazón, do CEIP Alfonso Daniel R. Castelao.

A biblioteca nodal da Coruña acolle, ademais, ata o 25 de maio o punto de información multimedia da exposición organizada pola Consellería en memoria de Celso Emilio Ferreiro, co gallo da celebración do Ano deste autor; así como unha exposición do seu fondo infantil de reserva, que conta con libros infantís-xuvenís impresos desde o ano 1958 ata a década dos 80.

O programa na Coruña complétase o día 19 cun espectáculo de maxia e animación á lectura a cargo do mago Chrystian. Xa o día 25 será a quenda da música e a poesía no espectáculo Amasónika: bosajjaz e literatura, de Estíbaliz Espinosa Trío, no que se combinan poemas e obras de grandes autores da literatura universal con temas de jazz, algúns deles versionados a galego, choro, bossa brasileira, musical de cine e música galega.

Contos multilingües en Lugo

Ademais das mostras bibliográficas sobre Valentín Paz-Andrade –complementada cunha guía de lectura– e Castelao, a biblioteca nodal de Lugo prepara unha actividade de contos multilingües para celebrar este 17 de maio. Celebrarase o vindeiro venres 18 e nela combinaranse o galego, o castelán, o inglés, o francés e a linguaxe de signos.

Este centro, que acaba de poñer en marcha o servizo de préstamo de e-readers, acolle estes días unha mostra sobre o labor de Médicos sen Fronteiras, e de Gravados da escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Pola súa parte, en Ourense, a biblioteca nodal celebra o día das Letras coa actividade Coñece a Rosalía de Castro, por Crearte Servizos Culturais, o día 18 de maio.

Contacontos e obradoiros en Pontevedra

En Pontevedra, a biblioteca nodal comezou as actividades con Contos de ratiños, da compañía Trinke Trinke, e coa conferenica A matria poética de Valentín Paz-Andrade. O centro da cidade do Lérez acolle tamén estes días a exposición Valentín Paz-andrade na Biblioteca Pública de Pontevedra. Letras Galegas 2012, mostra bibliográfica dos fondos da súa obra que se atopa nesta biblioteca, acompañada de recensión sobre a súa vida.

Pola súa banda, a biblioteca nodal de Vigo está a organizar obradoiros de comunicación en público e escrita creativa, así como actividades de contacontos para rapaces. Así, o vindeiro día 19, Ana Carreira contará unha morea de contos que lles permitirán aos cativos viaxar a través da imaxinación. O día 16, a poesía será a protagonista de Itinerario poético pola defensa do idioma, un recital que fará un percorrido pola historia contemporánea da lingua galega partindo de textos poéticos que a reivindican. Ademais, a biblioteca da cidade da oliveira sorteará dous lotes de libros en galego para adultos e outros dous para infantil.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia