Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A morte dunha águia peixeira británica na Ría de Ortigueira pon de manifesto o estado de abandono deste espazo natural

O 1 de setembro foi atopado nas inmediacións do río Avon cun disparo; tras un complicado proceso de rehabilitación en The Hawk Concervacy Trust, o 28 de setembro
recuperou a súa capacidade de voo e chegou á Ría de Ortigueira atravesando o Golfo de Biscaia. Nesta ría, a pesares da súa condición de Refuxio de Caza, Ozzy foi abatida dun disparo o pasado 17 de outubro, o día en que se abriu o período de caza. Ozzy estaba anelada e ademais portaba una mochila cun transmisor vía satélite que permite coñecer a súa posición en todo momento. A súa morte foi recollida polos medios de comunicación británicos, como a BBC, e causou gran consternación no Reino Unido. The Hawk Conservacy Trust, en nota de prensa, amosou a súa consternación pola morte de Ozzy, tendo en conta que foi tiroteada dúas veces, a primeira no Reino Unido e a segunda, de consecuencias fatais, en Ortigueira: Estes feitos evidencian que aínda hai moita xente que non comprende os conceptos de conservación e protección das especies. A protección das especies migratorias depende da cooperación de toda a cadea de países que se atopan ao longo das rutas migratorias e, desafortunadamente, neste caso, un dos elos rachou. A ría de Ortigueira é unha das zonas húmidas máis importantes de Galicia, está declarada ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) seguindo a Directiva Comunitaria Aves, entrará en breve a formar parte da Rede Natura 2000, está identificada como IBA (Important Bird Area), é unha Zona Ramsar (o convenio internacional sobre protección de zonas húmidas), está protexida pola lexislación da Xunta de Galicia (Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral) e é Refuxio de Caza. Todo esto non foi suficiente para que Ozzy, un exemplar de Águia
Peixeira, especie ameazada e de alto valor simbólico para o conservacionismo británico, fose abatida a tiros por un cazador a finais de outubro. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e SEO/BirdLife queren poñer de manifesto o estado de abandono no que se atopan as zonas húmidas de Galicia e particularmente a Ría de Ortigueira. Cunha axeitada dotación de gardería, que desenvolvese un labor de vixilancia en Ortigueira, este feito probablemente non tería ocorrido. A Xunta de Galicia é o organismo competente na declaración e xestión dos espazos naturais. Entre ditas tarefas, unha das máis básicas e importantes é a vixilancia efectiva destes espazos, co fin de garantir a ausencia de actividades ilegais ou prexudiciais para o entorno e a fauna. Por iso, e despois dos feitos acaecidos, ADEGA e SEO/BirdLife reclamamos á Xunta que dote dunha gardería axeitada aos espazos naturais galegos, con efectivos e equipamento, para que estes feitos ou outros similares non se volvan repetir.
Adega