Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo di que Galicia seguirá apostando pola política económica responsable

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou no Parlamento, que Galicia seguirá apostando pola política económica responsable que permita, en plena crise económica, mellorar o Estado do Benestar, fronte ao modelo alternativo socialista “que non existe”, con baixada de salarios dos empregados públicos, máis impostos e o céntimo sanitario. “Non hai modelo alternativo socialista e, non o hai, porque acaban de plantexar o seu modelo en Andalucía: baixada de salarios de todos os empregados públicos un 5%, máis impostos, paralización da obra pública e o máximo, o céntimo sanitario”.

Deste xeito, e en resposta a unha pregunta do Grupo Parlamentario socialista, Feijóo aseverou que Galicia vai a seguir traballando. “Vamos a seguir traballando no sector industrial, no sector pesqueiro, no sector agrario. En plena crise económica, a Xunta deu o dobre de préstamos ás empresas que en bonanza económica. E vamos a seguir dicindo que, en Galicia, as taxas universitarias seguirán sendo as máis baixas de España; que, en Galicia, non pechamos hospitais, senón que os construímos; que o fracaso escolar está nos mellores datos dos últimos dez anos; e que, en Galicia, a crise económica non só non vai diminuír o estado do Benestar, senón que Galicia está mellorando o Estado do Benestar que vostedes deixaron despois das facturas e da bonanza”.

Así mesmo, lembrou que Galicia é a comunidade máis solvente, a que mellor paga e a única que non tivo que acudir ao rescate do Goberno central para pagar as súas facturas, “mentres que todas as comunidades gobernadas polo PSOE teñen o maior déficit público de España e os maiores buratos das súas contas públicas”.

“Galicia é a comunidade que máis responsabilidade fixo nas súas contas públicas, a pesares de ter que pagar o que vostedes deixaron a deber despois de catro anos de risas, de rosas e de facturas nos caixóns”, dixo en alusión ao goberno bipartito.

O responsable autonómico sentiuse alarmado pola falla de realismo do PSdeG e pediu ao Partido Socialista que non cree máis incertezas dicindo que a Xunta minte. “Din que vamos a cobrar por ir aos hospitais e por facer unha proba, dinlle aos médicos que dan altas por 30 euros... respecte a Galicia, respecte o traballo que fixemos os galegos e as galegas durante os tres últimos anos”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia