Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ourense acolle unha mostra interactiva sobre a vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ata a Casa da Xuventude de Ourense unha mostra interactiva sobre a vida e da obra do escritor Celso Emilio Ferreiro, do que se conmemoran en 2012 o centenario do seu nacemento e os cincuenta anos da publicación do seu poemario Longa noite de pedra.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta mañá a mostra, que xorde co obxectivo de poñer en valor a vida e a obra do poeta, así como favorecer un maior coñecemento do escritor entre a cidadanía. No acto, estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería en Ourense e polo coordinador da Área Cultural na provincia, Mercedes Gallego e Gerardo Pumar, respectivamente; pola concelleira de Ourense Belén Iglesias; e pola directora da Casa da Xuventude en Ourense, Mercedes Valeiras.

Esta exposición, que poderá visitarse na Casa da Xuventude ata o 8 de xuño, baséase nun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro. Xunto coa instalación multimedia, as persoas que visiten a exposición tamén poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dalgúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, organiza esta exposición, que se enmarca dentro das actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario do nacemento do poeta.

Descubrir o escritor a través dos novos soportes

Unha pantalla interactiva de gran tamaño conforma o elemento central da instalación, con acceso a aplicacións multimedia. Un muro vertical móbil co retrato do escritor e unha mesa de luz, con obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro, como as súas lentes, a máquina de escribir e unha cámara de fotos, completan a instalación.

Os usuarios que se acheguen a este punto multimedia informativo van encontrar nel contidos variados, como notas biográficas, imaxes do escritor ou anacos das súas obras, e mesmo poderán escoitar o propio recitado na voz de Celso Emilio. Tamén se inclúe un repertorio de cancións baseadas no poeta, así como audiovisuais e xogos participativos para coñecer máis do escritor e político.

Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor, http://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Próximos destinos

Logo do seu paso polas bibliotecas nodais de Santiago de Compostela, de Lugo, de Pontevedra e da Coruña, a mostra permanecerá ata o 8 de xuño na Casa da Xuventude de Ourense, dependente da Dirección Xeral de Xuventude. A seguinte parada da exposición será a biblioteca nodal de Vigo e despois do verán proseguirá o seu percorrido por diversos centros educativos para achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova.

Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia