Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia posiciónase como un lugar preferente para acoller investimentos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, durante unha visita ás novas instalacións da fábrica de Nestlé en Pontecesures, que “centrarnos en ser unha comunidade solvente” permite a Galicia ser un lugar para investir, que xera confianza e onde a competitividade e a produtividade está garantida.

Deste xeito, Feijóo referiuse ao recente acordo estratéxico firmado entre a Xunta e a petroleira mexicana Pemex -a cuarta petroleira do mundo- e á multinacional Nestlé, “que volve a apostar por Galicia, converténdoa no centro mundial de produción de leite condensada da compañía”, como a proba de que as empresas están entendendo o esforzo da Administración pública galega pola solvencia e pola xeración de confianza na economía.

“A solvencia é a garantía da confianza e a confianza xera postos de traballo, investimentos e competitividade da economía”, subliñou, ao que engadiu que ser unha comunidade autónoma solvente é unha das liñas estratéxicas fundamentais de toda esta lexislatura. “Para poder seguir prestando servizos públicos esenciais en época de crise; para poder seguir pagando aos provedores en época de crise; e para apoiar ás empresas galegas en época de crise estamos sendo solventes como liña principal da política económica”.

Neste sentido, destacou, durante a visita, que o Goberno galego está axudando ás empresas 5 veces máis en avais e en subsidiación a tipo de interese que en 2009.

Así mesmo, Feijóo salientou a aposta pola innovación e o impulso da internacionalización como os dous eixos da política económica do Goberno galego, claves para a recuperación económica. E afirmou que levar a cabo esta estratexia de apoio á innovación e á internacionalización na comunidade fixo posible que Galicia superase, en 2011, a súa cifra histórica de exportacións, con máis de 17.000 millóns de euros; aumentar un 11% o número de empresas exportadoras, desde 2009; ou contar con 1.200 millóns de euros para apoiar a innovación empresarial ata o ano 2015.

O presidente autonómico concluíu a súa intervención reiterando que a aposta pola calidade, polo esforzo e polo talento seguen sendo a garantía de competitividade de calquera empresa; “e, hoxe, podemos acreditar que en Galicia tamén hai calidade, talento e esforzo”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia