Citic Group confirma un investimento de 40 millóns de euros en Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/citic_group_china.jpg)
Durante a visita ás instalacións da empresa en Luoyang, o conselleiro coñeceu detalles dos investimentos que Citic Heavy Industries –unha empresas do grupo- impulsará en Galicia, para os que confirmou que contará cos máximos apoios posibles por parte da Xunta. Os directivos deste potente grupo multinacional tamén amosaron a súa favorable disposición a impulsar novos investimentos na comunidade, tanto na planta de Citic Censa como noutros sectores galegos do seu interese.
O proxecto de Citic Group que agora se confirma, comprende obra civil e adquisición de bens de equipo necesarios para que a planta industrial galega de Citic Censa poida construír pezas de ata 15 metros de diámetro, fronte ao máximo de 12 metros actuais. As innovacións incorporadas permitirán á empresa gañar competitividade e ofrecer as grandes pezas que demanda o mercado.
En concreto, e segundo os responsables da empresa, os novos investimentos permitiranlle a Citic Censa situarse, desde Galicia, á cabeza mundial do negocio de muíños para a minería, dado que non existe ningunha outra empresa, nin en España nin en Europa, con capacidade para traballar con pezas desa envergadura.
Entre os novos investimentos que incorporará a empresa figura un torno vertical con capacidade de mecanizado de 16 metros de diámetro e 7 de altura e cunha carga máxima sobre prato de 350 toneladas. Os investimentos impulsados por Citic Group na súa planta de Porriño inclúen tamén a potenciación dun departamento de I+D+i acorde coas necesidades actuais, para poder deseñar e desenvolver os propios produtos á medida das necesidades de cada cliente.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, comezou en Luoyang unha viaxe, que corresponde a unha invitación de Citic Group e que ten entre os seus obxectivos o de avaliar as posibilidades de investimento e alianza estratéxica con Galicia desta multinacional pública. A viaxe tamén servirá para que o conselleiro, acompañado polo director xeral do Igape, Javier Aguilera, teña a oportunidade de amosar as vantaxes de Galicia para acoller e respaldar novos investimentos procedentes de China.
As visitas programadas posibilitarán os representantes de Xunta de Galicia coñecer as diferentes áreas de actividades do grupo chinés e avaliar as diferentes posibilidades de alianza, colaboración e investimento en diferentes sectores en Galicia, xa que Citic Group Corporation opera en sectores industriais como as telecomunicacións, construción, industria manufactureira, minería ou tecnoloxía, e dispón ademais dunha división financeira que inclúe banca comercial e de investimentos.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, tamén manterá diferentes encontros institucionais, comezando pola recepción que lle será ofrecida hoxe polas autoridades da cidade de Luoyang.
Ademáis, durante esta viaxe o conselleiro coñecerá outras instalacións de Citic Group en Beijing e manterá un encontro co vicepresidente do grupo, que emprega a 140.000 persoas en todo o mundo e que obtivo en uns beneficios netos que superaron os 4.000 millóns de euros, no que presentará as vantaxes que ofrece a comunidade autónoma de Galicia para recibir investimentos empresariais ou para servir como plataforma loxística, grazas ao seu potencial portuario, para favorecer os negocios intercontinentais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia