90 institucións ceden varias pezas para a exposición Gallaecia Petrea
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/cidade_da_cultura_iluminada.jpg)
Esta ampla lista de entidades colaboradoras fai de Gallaecia Petrea un dos proxectos artísticos colectivos mais ambiciosos levados a cabo na nosa comunidade para pór en valor o conxunto do patrimonio galego. A participación destas institucións converterá a mostra non só nunha viaxe á historia da cultura de Galicia a través da pedra, senón tamén nun escaparate das xoias artísticas que se espallan ao longo da xeografía galega. Ademais, esta expo tamén é unha invitación dirixida a seducir a turistas e visitantes para que visiten os distintos puntos do territorio galego representados en Gallaecia Petrea.
Na lista de entidades colaboradoras atópase unha ampla representación das institucións culturais de referencia en Galicia, como o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo de Belas Artes da Coruña, a Fundación Barrié, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, ou o Museo da Catedral de Santiago, entre outros. (Achégase a lista completa).
Entre as institucións do resto de España, Gallaecia Petrea contará con pezas cedidas polo Museo Arqueológico Nacional, o Museo Arqueológico de Asturias, o Archivo Histórico Nacional, o Archivo Cartográfico y de Estudios Geográficos del Centro Geográfico del Ejército, o el Instituto Geológico y Minero de España, entre outras institucións importantes.
A mostra, que engloba o norte de Portugal e o territorio ata o río Navía (territorio incluído na antiga Gallaecia), polo que se conta tamén coa implicación dunha vintena de institucións lusas, como o Museu Nacional de Arqueoloxía de Lisboa, o Museu de Arte Antiga de Lisboa, o Museu do Abade de Baçal de Bragança ou o Museu da Regiao Flaviense de Chaves.
Doutra banda, tamén é importante destacar que, despois de diferentes axustes orzamentarios e da resolución dos primeiros concursos de transporte e de montaxe das pezas, está previsto que o custe desta exposición se reduza considerablemente fronte o prezo inicialmente estimado.
‘Gallaecia Petrea: natureza, traballo e arte’
Comisariada por Miguel Fernández-Cid, Gallaecia Petrea será a primeira exposición do Museo de Galicia, e unha das mostras máis ambiciosas das organizada nos últimos anos na nosa Comunidade. A través dela, o visitante recorrerá historia da construción da cultura galega a partir dun elemento tan emblemático como é a pedra. A mostra, que ocupará os 6.600 metros cadrados do Museo e que estará aberta ata decembro, organízase en seis áreas: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medieval, Moderna e Contemporánea.
A mostra englobará dende un petroglifo, como elemento exclusivo que en todo o mundo só se ten atopado en Galicia, ata pezas que os grandes da escultura galega contemporánea están a preparar, como Francisco Leiro, Manolo Paz ou Silverio Rivas.
Na exposición, a pedra estará presente como elemento de desenvolvemento, materia base dunha das industrias máis puxantes de Galicia (granito, pizarra…). Inclúe unha aproximación dende a xeoloxía, na que, a través de presentación didácticas, explorase a Gallaecia como territorio onde se poden atopar algunhas das rocas máis antigas da Península.
Restauración de obras
Gallaecia Petrea, ademais dunha plataforma de excepción para dar a coñecer o patrimonio galego aos milleiros de visitantes que se agarda que pasen polo Museo de Galicia, suporá a rehabilitación dalgunhas das obras que se ceden para a exposición, que se someterán a traballos de recuperación para poder exhibilas ao público na mellor das condicións.
Deste xeito, rehabilitaranse obras da Catedral de Santiago de Compostela, do Museo Provincial de Lugo, da Catedral de Modoñedo, da Catedral de Lugo, da Catedral de Tui e do Museo Provincial de Pontevedra.
A Xunta de Galicia quere subliñar que o préstamo destas pezas conta sempre co visto bo da institución que presta e obra, e no caso daquelas que polo seu valor histórico e artístico gozan dunha protección especial, tamén se solicitaron os permisos e autorizacións pertinentes dos departamentos administrativos correspondentes. As pezas serán restituídas ao seus lugares de orixe ao remate da exposición, previsto para o mes de decembro.
Rutas especiais
As pezas, de gran valor artístico e histórico, están sendo transportadas ao Museo de Galicia nunha operación na que se están a empregar material e persoal técnico cualificado para garantir a súa seguridade. A complexidade destas tarefas é maior se se ten en conta que implica conxuntos de pezas de ata dez toneladas de peso.
A flota de vehículos que está a participar no transporte de obras segue rutas deseñadas co obxectivo de que a peza soporte o menor número posible de quilómetros ata a súa chegada ao Museo. As pezas viaxan en caixas especialmente fabricadas para esta exposición e cun deseño individual para cada unha delas. Ademais, cada unhas das caixas está identificada cun código de seguridade evitando etiquetaxes con información explícita sobre o seu contido.
A operación de embalaxe, carga e descarga das pezas, estase facendo seguindo as instrucións técnicas dos museos ou centros que prestan as obras. O cen por cen do equipo que está a traballar nesta operación conta con formación no transporte de obras de arte e con anos de experiencia. Asemade, o transporte das obras está protexida por un seguro da modalidade coñecida como “de cravo a cravo”, habitual nas exposición de obras de arte e que proporciona cobertura dende a saída da obra do seu centro ata o seu regreso.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia