Ourense visita a exposición sobre as orixes do Parlamento de Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/primeiros_anos_parlamento_expo.jpg)
Pilar Rojo agradeceu a acollida brindada a esta mostra polo presidente da Deputación de Ourense, que coñecía o significado e interese da exposición na súa condición de vicepresidente da Mesa do Parlamento cando este proxecto botou a andar.
Explicou a titular do lexislativo galego que a mostra que abre as súas portas en Ourense se enmarca na conmemoración do 30 aniversario do Parlamento de Galicia e pretende homenaxear aos deputados e deputadas das dúas primeiras lexislaturas- “Todos eles –afirmou- deixaron o listón moi alto co seu traballo arreo naqueles difíciles comezos da nosa primeira institución pública”.
Pola súa banda, Manuel Baltar dixo que nesa etapa “se fraguaron os grandes consensos que permitiron a aprobación das leis básicas emanadas do noso Estatuto de Autonomía de 1981, unhas leis esenciais que permitiron á nosa Comunidade ir medrando pouco a pouco no seu autogoberno, na súa autoestima e tamén no seu benestar, pese ás dificultades do momento presente”.
O acto inaugural contou coa asistencia do alcalde de Ourense; os conselleiros do Mar e Medio Rural; de Educación; membros da Mesa do Parlamento; deputados e exdeputados, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense