Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta conectará servizos dixitais dos concellos, as deputacións e o Estado

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, anunciou esta mañá que a Xunta impulsará a interoperabilidade entre administracións actuando como o nodo que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado para facilitar o intercambio de información e documentos entre as entidades públicas.

Pereira indicou que este é un dos obxectivos prioritarios para este ano en materia de Administración electrónica e destacou a súa importancia de cara ao cidadán, xa que a interoperabilidade evitará que teñan que presentar documentos ca mesma información en distintas Administracións. É un factor fundamental, sinalou, para que os cidadáns poidan resolver as súas xestións coas administracións públicas nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen.

A responsable de Modernización sinalou que a Xunta xa avanzou nesta liña coa implantación en 2011 do portal de interoperabilidade en todas as consellerías, que permite eliminar a petición de documentación básica como o DNI e o certificado de empadroamento. Durante o pasado ano esta ferramenta evitou a presentación de ambos os dous documentos en máis de 22.000 trámites de cidadáns e empresas coa Administración autonómica.

O obxectivo é consolidar este nodo de interoperabilidade para avanzar na eliminación doutro tipo de información de carácter xeral como o título de familia numerosa, datos catastrais, titulacións académicas ou situacións tributarias. Para acadar este obxectivo será fundamental o Centro de Proceso de Datos Integral, a infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que entrará en funcionamento este verán e desde a que se xestionará toda a documentación que xera a Administración autonómica e prestará servizo a concellos, deputacións e universidades.

A directora da Amtega inaugurou esta mañá na EGAP as Xornadas “Interoperabilidade e Goberno Aberto”, organizadas polo Club de Innovación e a Xunta.

A reutilización da información do sector público

Durante a xornada abordouse tamén o Open Data, outro dos retos que teñen por diante as Administracións para promover a reutilización da información do sector público. A Xunta de Galicia sumouse o pasado mes de marzo ás comunidades autónomas que desenvolven iniciativas de Goberno aberto coa posta en marcha do portal Abert@s. É o quinto do Estado en canto a contidos, xa que comezou a súa andaina cun catálogo inicial de 250 conxuntos de documentos, unha cifra superior á doutras comunidades con portais Open Data operativos desde hai dous anos.

Mar Pereira afirmou que a reutilización convertese nun elemento xerador de emprego e riqueza, representando novas oportunidades de negocio para emprendedores e empresas do sector TIC. Neste sentido recalcou que, se se consigue dar valor engadido á información liberada conseguirase un uso social da mesma e en consecuencia un aumento da transparencia e participación.

A directora da Amtega indicou que neste momento difícil no que é importante valorar os investimentos fronte aos beneficios que supoñen, o desenvolvemento da administración electrónica supón de xeito efectivo a mellora da eficiencia e redución de custes na propia administración pública, e a redución das cargas administrativas que para o cidadán e as empresas supón a relación coa administración pública.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia