Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Preto de 1.000 familias galegas benefícianse do compostaxe doméstico

Na súa firme aposta pola compostaxe doméstica, a Sociedade Galega do Medio Ambiente posibilitou, durante os dous últimos anos, a colocación de preto de 1.000 composteiros en diversos puntos de Galicia. É o caso de cinco municipios da Mariña lucense (Alfoz, Barreiros, Cervo, Trabada e Lourenzá), que incorporaron a este programa 200 familias, logrando un compost que, tras ser analizado pola Universidade de Santiago de Compostela, foi cualificado de alta calidade, podendo ser aplicado no solo con absolutas garantías; uns excelentes resultados que avalaron a proxección desta iniciativa a outros ámbitos de poboación.

Máis tarde sumáronse os concellos de Portomarín e Sober, cun total de 90 vivendas, así como unha asociación veciñal de Ribadeo pertencente ao lugar de Remourelle, con 20. Logo virían Chantada e Begonte, tamén na provincia de Lugo, así como Vilaboa e Mondariz, na de Pontevedra, e Riveira e Boimorto, na da Coruña, engadindo 281 composteiros máis.

Recentemente, o programa estendéuse a Ortigueira (A Coruña) e Quiroga, Palas de Rei, Ribadeo, Guitiriz, Becerreá, Monterroso e Cospeito, na provincia de Lugo, aglutinando un total de 396 recipientes. As demandas dos concellos para adherirse ao proxecto non fan máis crecer, toda vez que son conscientes das importantes vantaxes ambientais e económicas que este trae consigo.

Pero o ámbito domiciliario non foi o único que centrou a atención de Sogama, respondendo favorablemente a peticións expresas trasladadas por diversos centros escolares: é o caso do San Ramón, en Moeche, e Manuel Masdías, en Ferrol, así como o Ramón Piñeiro de Láncara.

Tamén os colexios participantes no proxecto piloto “illas de reciclaxe” escolares promovido por esta entidade pública, e que contan con comedor escolar (Oca, en A Estrada, San Xoán de Filgueira, en Ferrol, Efa Fonteboa, en Coristanco, e O Salvador, en A Pastoriza), foron dotados con composteiros para un axeitado aproveitamento da materia orgánica, utilizando o abono resultante nas súas propias hortas e xardíns.

A FORMACIÓN E O LABOR DOS MESTRES COMPOSTEIROS: AS CLAVES

Pero a instauración dun programa de autocompostaxe vai máis alá da subministración de composteiros, debendo poñer en marcha os mecanismos axeitados que permitan o seu axeitado desenvolvemento e cumprimento dos obxectivos previstos.

Dado que na composición media do lixo xerado pola cidadanía a materia orgánica representa aproximadamente o 40 por cento, se se logra aproveitar esta fracción en orixe e evitar o seu depósito nos contedores verdes convencionais, os concellos terán a posibilidade de reducir a frecuencia de recollida e, con isto, o transporte de residuos, ademais de pagar menos a Sogama, xa que o peso do lixo convencional redúcese notablemente. Así mesmo, en moitos casos a selección dos restos orgánicos posibilitou unha mellor clasificación do resto de materiais, favorecendo unha recollida selectiva de maior calidade, extremo que, ademais de implicar grandes vantaxes ambientais, tamén supón importante beneficios para as maltreitas arcas locais, xa que estas reciben ingresos en función da cantidade e a calidade dos materiais que remiten aos centros recicladores.

Coa compostaxe doméstica recupérase unha práctica tradicional en Galicia como é a separación de restos orgánicos para alimento do gando e fabricación de abono, non supoñendo maior inconveniente para a cidadanía participante. Aínda así, a formación debe estar presente en todo momento e Sogama non escatimou esforzos. Para iso levou a cabo cursos específicos destinados á poboación participante nestes programas, que respaldou coa edición de diverso material divulgativo no que se explica, paso a paso, o procedemento a seguir, dando resposta ás preguntas e erros máis habituais.

Pero Sogama quixo ir máis alá creando a figura dos mestres composteiros, é dicir, persoas ao servizo dos concellos (concelleiros, técnicos ou persoal auxiliar) que, tras recibir unha formación específica, visitan periodicamente casa por casa co fin de comprobar o desenvolvemento da técnica, solucionar posibles dúbidas presentadas polas familias e recoller as súas impresións e observacións, de grande importancia á hora de realizar axustes no desenvolvemento da iniciativa.

Gabinete de Comunicación de Sogama