Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pobra de Trives acolle unha mostra interactiva sobre Valentín Paz-Andrade

A vida e obra de Valentín Paz-Andrade continúa a achegarse aos galegos e ás galegas a través dunha mostra multimedia itinerante organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que ata o venres poderá visitarse no IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives (Ourense). Este é o sétimo centro escolar de Galicia que acolle esta mostra interactiva que continuará a súa exitosa itinerancia ata finais do mes de xuño.

Esta exposición forma parte das actividades programadas pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2012, para lles achegar aos alumnos e alumnas de secundaria a vida e a obra do escritor. Para isto, a mostra conta con cinco paneis con textos explicativos sobre as diversas facetas de Valentín Paz-Andrade. Ademais, cada un deles inclúe audiovisuais nos que diferentes coñecedores da traxectoria do escritor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade, entre os que se encontran o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro.

Celso Emilio Ferreiro

Por outra banda a Consellería recorda que ata este venres poderá visitarse na Casa da Xuventude de Ourense unha mostra interactiva sobre Celso Emilio Ferreiro, que ten como obxectivo promover e dar a coñecer a vida e obra do escritor, no ano en que se celebra o centenario do seu nacemento.

Esta exposición, que a partir do vindeiro 11 de xuño poderá visitarse na Biblioteca Nodal de Vigo, baséase nun formato interactivo e novidoso que inclúe imaxes, poemas musicados, audiovisuais, xogos interactivos e mesmo gravacións sonoras co recitado de Celso Emilio Ferreiro. Xunto coa instalación multimedia, as persoas que visiten a exposición tamén poderán achegarse ao poeta de Celanova a través dalgúns dos seus obxectos persoais, entre os que se inclúen unhas lentes, a súa máquina de escribir e unha cámara fotográfica.

Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor, http://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia