Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ugia Pedreira e Fred Martins achegan a música galego-brasileira ao Salón Teatro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa o xoves 7 de xuño, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago un novo concerto do ciclo ST Música Presente, no que a galega Ugia Pedreira e o brasileiro Fred Martins ofrecerán en directo os temas de Acrobata, o seu primeiro traballo discográfico conxunto. Os artistas regresan a Galicia no transcurso dunha xira internacional dentro da que veñen de actuar en Oxford, Londres e Bruxelas para, a continuación, poñer rumbo cara á São Paulo coa súa persoal interpretación do achegamento entre as músicas populares de Galicia e Portugal.

Editado por aCentral Folque, Acrobata preséntase, de feito, como “o mellor exemplo pop” do encontro entre ambas músicas. Pedreira e Martins despregan esta simbiose a través de composicións orixinais e propias que, a pesar de non se definir propiamente como bossa-nova, samba ou música galega, comparten con todas elas a valorización do silencio, a limpeza do son e o pracer do canto.

Recta final da cuarta edición

Co concerto deste xoves, a Consellería de Cultura e Educación entra na recta final da cuarta entrega de ST Música Presente, que a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) puxo en marcha en 2010 co obxectivo de lles ofrecer aos selos discográficos unha nova canle de promoción e difusión dos traballos editados por grupos e artistas galegos. Loaira, coa súa música de fusión a partir da tradición galega, pechará esta edición o vindeiro 14 de xuño.

A venda anticipada de entradas para estas dúas últimas citas do ciclo está dispoñible a través da billeteira da web de Novagalicia Banco e do teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre ao público dúas horas antes do comezo das actuacións. Como en todos os concertos de ST Música Presente, as localidades teñen un prezo especial único de 5 euros.

O disco Acrobata, que toma o seu nome dunha ave que habita exclusivamente nunha pequena rexión do sur de Bahía e que, aínda que foi descuberta en 1996, se atopa xa en perigo de extinción, é a culminación da conxunción artística natural que xurdiu entre Ugia Pedreira e Fred Martins tras un encontro en Rio de Janeiro no ano 2008. Partindo da percepción compartida de que a tradición musical ibérica –fundamentalmente a galego-portuguesa– tiña moito que ver coas tradicións nordestinas brasileira e galega, ambos artistas apostaron por afondar xuntos neste entendemento compositivo.

Mostrando sen demostrar

O resultado é unha obra que, nas súas propias palabras, “mira cara adentro e se identifica co sinxelo, o íntimo e o reducido, mostrando sen demostrar”, coa palabra como único “vestiario” dun traballo no que “as linguas galega e portuguesa se saúdan dun xeito cordial e responsable”.

Ugia Pedreira é xa unha artista e compositora consolidada no panorama artístico galego como cara visible de diversos proxectos musicais: Nordestin@s, Ecléctica Ensemble ou Marful, entre outros. Pola súa banda, Fred Martins ten publicados outros catro discos como cantante e compositor. Ademais, os seus temas foron gravados por artistas universais do Brasil como Ney Matogrosso, Maria Rita ou Zélia Duncan.

Para o seu primeiro disco conxunto contaron coas achegas de Pedro Pascual na produción e dirección musical, e de Quim Farinha, Luis Peixoto, Germán Díaz, Marcelo Martins e Marco Suzano nas gravacións adicionais, ademais das colaboracións de Pablo Pascual, José Díaz, Alejandro Vargas e Marcos Vázquez, entre outras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia