Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Os orzamentos galegos para 2013 priorizarán o estado do benestar e as políticas para a recuperación económica

A orde da Consellería de Facenda que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) fixa como criterios para a elaboración das contas de 2013 a garantía na prestación dos servizos públicos fundamentais e as políticas de gasto encamiñadas a potenciar os sectores fundamentais para a recuperación da actividade económica, coa máxima contención no gasto corrente.

As instrucións que recolle a orde inciden no proceso de consolidación fiscal, segundo a senda acordada no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para o período 2012-2015. Ademais, as contas autonómicas para o vindeiro ano deberán axustarse ao límite de gasto non financeiro que autorice o Parlamento de Galicia.

O cumprimento destas regras fiscais é preciso para que Galicia conte cun orzamento sostible e saneado que permita financiar os servizos públicos básicos e as políticas de saída da crise sen cargar con novos tributos aos cidadáns e ás empresas.

Os orzamentos para 2013 concretarán para esta anualidade as actuacións e proxectos precisos para acometer o desenvolvemento socioeconómico para Galicia previsto no Plan Estratéxico 2010-2014 elaborado polo Executivo autonómico. Deste xeito, cada proxecto que conteñan as contas relacionarase cun obxectivo específico e deberá ir acompañado dos oportunos indicadores que permitan determinar o grao de cumprimento do obxectivo perseguido.

Os criterios que fixa esta orde proseguen a senda de austeridade marcada nos tres últimos exercicios orzamentarios. Dado que é preciso garantir o financiamento duns gastos sociais que medran coa crise, o proceso de elaboración fará especial fincapé na asignación de recursos ás diferentes políticas de gasto partindo de cero, polo que cada xestor de gasto deberá xustificar a necesidade e prioridade de cada euro das súas partidas, especialmente no que atinxe a gastos e subvencións correntes.

Baixo estas premisas, o proceso orzamentario articularase en torno a tres comisións. Así, a comisión funcional de ingresos coordinará as políticas de ingresos dos entes integrantes no sector público autonómico e analizará todas as fontes de financiamento co fin de acadar os maiores recursos posibles para financiar as distintas políticas de gasto.

A comisión de análise e avaliación dos programas de gasto, que velará pola correcta definición dos obxectivos e indicadores asignados a cada programa orzamentario. Finalmente, a comisión funcional do gasto, que determinará as asignacións financeiras por función e natureza do gasto en cada sección orzamentaria, logo da xustificación da necesidade e prioridade de cada actuación, así como das contías solicitadas para desenvolvela.

Ademais, a orde recolle a colaboración entre a Consellería de Facenda e a Secretaría Xeral de Igualdade, polo que os orzamentos da comunidade autónoma incluirán a perspectiva de xénero na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións que conteñan.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia