Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo di que unha política presupostaria equilibrada permite ter máis servizos sociais que hai 3 anos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou o compromiso do Goberno galego cunha política presupostaria equilibrada que permite que Galicia teña, a pesar da crise, máis servizos sociais que fai tres anos, con 5.500 novas prazas públicas entre centros de día, servizos para maiores, residencias da terceira idade e escolas públicas infantís. “A garantía da prestación dos servizos públicos en época de crise económica, as 5.500 novas prazas públicas, en plena crise, é a carta de presentación coa que este Goberno seguirá traballando ata o final do seu mandato”, aseverou.

Durante a visita ao novo centro de día e á nova escola infantil que forman o complexo interxeneracional de Eirís, Feijóo subliñou que, nun momento no que hai comunidades que se ven obrigadas a adoptar medidas excepcionais como baixar os salarios aos empregados públicos ou no ámbito da diminución das políticas sociais e no ámbito da diminución das políticas sanitarias; Galicia está apostando polas políticas sociais, pola educación pública e pola sanidade pública. “E é esa política de equilibrio presupostario –matizou- a que nos está a permitir recoller estes froitos. Unha política que aposta por non gastar máis do que temos, por priorizar dentro do presuposto as políticas que realmente supoñen conciliación da vida familiar, de políticas que realmente supoñen unha resposta fronte á crise para as familias, tanto no eido dos maiores como dos nenos de 0 a 3 anos. Por iso, de cada 100 euros a Xunta está investindo 75 en políticas socias, é dicir, de cada 4 euros, 3 euros os destinamos a políticas sociais”.

Compromiso cos maiores; 2.700 prazas públicas máis en tres anos
Deste xeito, o responsable autonómico subliñou que as 80 prazas que se poñen en marcha con este novo centro de día forman parte do compromiso do Goberno galego de incrementar os servizos para as persoas maiores. E, neste senso, lembrou que, desde o inicio da lexislatura incrementouse en 2.700 as prazas públicas en centros de atención ás persoas maiores; “isto supón –precisou- un 40% máis de prazas públicas desde que chegamos a Xunta, fai 3 anos”.

No tocante aos centros de día, o incremento de prazas públicas é do 82,7%, creándose 775 prazas. E, en relación á provincia da Coruña, o titular da Xunta explicou que, nesta lexislatura, pasouse das 317 ás 918 prazas, “isto supón multiplicar por tres o número de prazas de centros de día”.

Impulso á rede de escolas infantís públicas; 2.400 novas prazas públicas
Feijóo referiuse tamén ao impulso á rede de escolas infantís públicas para nenos de 0 a 3 anos, con 2.400 novas prazas públicas, neste tres anos, o que supón un incremento do 44%.

Na provincia, este incremento foi do 61,2%; e, concretamente na cidade da Coruña o número de prazas públicas de escolas infantís incrementouse un 48%.

O responsable autonómico concluíu referíndose a este novo complexo interxeneracional, o segundo co que conta a cidade herculina, como a proba da aposta da Xunta pola conciliación da vida familiar.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia