Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Economía e Industria reforza con 900.000 euros o téxtil galego nos mercados nacional e internacional

A Consellería de Economía e Industria continúa coa súa aposta por impulsar a mellora competitiva do téxtil galego cunha nova convocatoria de axudas, por un total de 900.000 euros, destinadas a apoiar actuacións e estratexias no ámbito da promoción e a internacionalización das empresas do sector.

Estes apoios, que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia, enmárcanse no “Plan Téxtil Moda Galicia- VISIÓN 2020”, que recolle a estratexia específica do Goberno galego de impulso a un dos principais sectores da economía galega.

Como novidade, este ano a porcentaxe das axudas, que poden chegar ata o 60%, irá en función do tamaño das empresas, primando ás pemes, que ademais recibirán maior puntuación á hora de valorar as súas solicitudes.

As empresas do sector téxtil-moda-confección galegas, que teñen un mes de prazo a partir de mañá para presentar as súas solicitudes, poderán recibir axudas para actuacións de difusión, promoción e acceso a mercados, tanto a nivel nacional como internacional, que supoñan un investimento total de ata 120.000 euros.

Entre as iniciativas para as que se poden solicitar estes apoios inclúense a participación en feiras, desfiles e certames fóra da comunidade, ou en showrooms a nivel internacional, así como a elaboración de catálogos e material promocional. Tamén se apoia o desenvolvemento de estratexias de expansión de marca ou de penetración nos mercados internacionais a través de licenzas de marca, entre outros.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia