Música e poesía nos Atardeceres no Gaiás os xoves, venres e sábados
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/atardeceres_no_gaias_pres.jpg)
Cun amplo e variado programa de actuacións totalmente de balde, Atardecer no Gaiás mantense fiel ao espírito da primeira edición, que contou cunha grande acollida de público durante o verán do 2011. Deste xeito, vólvese a apostar pola fusión de diversos estilos musicais coa poesía e as propostas máis vangardistas no eido da videocreación en directo. A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e a directora de Acción Cultural, María Pereira, foron as encargadas de presentar o cartel desta edición, que conta cun total de 27 actuacións de artistas e formacións galegas, españolas e internacionais que amenizarán as noites de xullo, agosto e setembro con espectáculos de pequeno formato.
“A Cidade da Cultura pretende ofrecer unha alternativa de lecer para os meses do verán, aproveitando un escenario que se presta ao relax e o goce como é a praza exterior na que se volverán combinar os máis diferentes estilos musicais, dende o jazz ao pop, pasando pola música clásica, o rock, o punk ou a música electrónica”, explicou Beatriz González Loroño. No acto de presentación tamén estiveron presentes algunhas das bandas galegas que forman parte do cartel de Atardecer 2012 e que dan conta da variedade de estilos e espectáculos que ofrece esta edición como a música tradicional de Atlántica Vapora Orquestra, os poemas musicalizados de Xardín Desordenado, o son ecléctico de GazzFunkdation ou a clásica da Orquesta de Cámara Galega.
Atardecer no Gaiás mantén a súa idea orixinal de ofrecer estas actuacións nos atardeceres dos xoves, venres e sábados do verán, a partir das 21:00 horas. Do 5 de xullo ata o 8 de setembro, a praza do Gaiás converterase nun espazo para o relax onde se habilitará unha zona chill-out con sofás e coxíns que permitirá gozar deste ciclo de espectáculos de pequeno formato. Atardecer no Gaiás celebrou no verán do 2011 a súa primeira edición cunha moi boa acollida por parte do público que se achegou ata a Cidade da Cultura para ver a bandas internacionais como Lacrosse, as melodías medievais do grupo Meendinho, o diálogo musical que estableceron sobre o escenario Ugia Pedreira e Fred Martin ou os recitais poéticos a cargo de María Lado, Yolanda Castaño, Olalla Cociña ou a micropoetisa madrileña Ajo.
Programa para todos os gustos
O 5 de xullo será a estrea deste Atardecer no Gaiás cunha actuación sorpresa moi especial. Sen poder desvelar nada aínda do que vai acontecer, a Cidade da Cultura acollerá o moi esperado regreso dun músico galego xa universal.
O pop e o rock seguirán presentes neste ciclo coas actuacións dos grupos femininos Las Kellies (Arxentina) e Santa Rita (Cataluña), ademais da banda madrileña Niño Burbuja, a parisina Exsonvaldes, o vigués Fon Román (ex-guitarrista de Los Piratas), o folk-pop mediterráneo de Litoral e a mestura folk rock do dúo coruñés Escuchando Elefantes. As propostas máis experimentais chegarán de dúas bandas galegas: o Colectivo Oruga e o seu estilo indietrónico, e o proxecto musico-festivo-visual de República Disco Apocalipso.
Os amantes do rhythm and blues poderán gozar coa banda galega TheAllnightWorkers, mentres que os afeccionados ao jazz máis avanzado terán a oportunidade de escoitar en directo ás formacións galegas 2uS,coa súa ecléctica proposta, e GazzFunkdation, coa súa fusión co funk. O estilo funk tamén se mesturará coa música árabe de Al-Madar e as súas influencias do jazz e do soul.
A música tradicional e a poesía tamén teñen o seu oco neste Atardecer no Gaiás coa musicalización de poemas galegos que fai Xardín Desordenado, o recital da poeta madrileña low-tech María Salgado e o repertorio popular do colectivo galego AVO (Atlantica Vapora Orquestra). Ademais, do outro lado do Atlántico chegará a cantautora estadounidense Simone White co seu estilo folk electro-acústico.
A clásica terá o seu protagonismo con seis actuacións da Orquestra de Cámara Galega dirixida polo mestre Rogelio Groba, dedicadas a explorar as tradicións musicais rusa, brasileira, galega, italiana, escandinava e inglesa. Finalmente, a cantante madrileña Cynthia López Ucero “La Canija” poñerá a nota flamenca ao “Atardecer no Gaiás”, acompañada pola guitarra de Ricardo Espada.
O programa completo pode consultarse en www.cidadedacultura.org e, ao igual que na pasada edición, a entrada para todas e cada unha das actuacións será libre e de balde.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia