Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta aposta pola política de cohesión e fondos estruturais para o crecemento e reequilibrio rexional

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, apostou pola política de cohesión e os fondos estruturais como instrumentos por excelencia da política de crecemento e do reequilibrio rexional.

Así, Muñoz Fonteriz salientou que ambos teñen efectos no desenvolvemento e no crecemento; de maneira inmediata, polo seu carácter de continuidade e de seguridade na recepción de recursos; e a longo prazo, pola súa contribución ás reformas estruturais que propician o cambio de modelo produtivo.

A titular de Facenda clausurou hoxe en Santiago o Comité de Seguimento do Programa Operativo do Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2007-2013 e subliñou que no presente período a comunidade recibirá arredor de 938 millóns de euros de axudas comunitarias a través do FSE, dos que 358 se recibirán por medio de actuacións realizadas no marco do Programa Operativo FSE Galicia, xestionado integramente por organismos colaboradores da Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, Elena Muñoz Fonteriz avogou pola optimización da estratexia de crecemento e o esforzo financeiro proporcionados polo FSE, acompañado dunha xestión eficaz que maximice os resultados. “É momento de redobrar esforzos, de adoptar máis compromisos e asumir maiores graos de responsabilidade”, apuntou.

En definitiva, segundo explicou, “o Programa Operativo do FSE é un bo exemplo de cómo debemos actuar nunha administración pública responsable” por iso apostou por seguir afrontando xunto cos retos actuais outros novos derivados de mellores procedementos; e de obxectivos e resultados máis precisos en relación co próximo marco presupostario.

No Comité de Seguimento tamén participaron o director de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda, Javier Rodríguez Seijo, ademais de representantes da Comisión Europea; da Unidade Administradora do FSE do Ministerio de Empleo e Seguridad Social; e das organizacións económicas e sociais con máis representatividade de Galicia.

Acordos do Comité de Seguimento

Durante a reunión someteuse a estudo o Informe de execución da anualidade 2011 para a súa posterior aprobación e analizáronse as propostas de modificación dos criterios de selección das operacións a desenvolver.

Analizouse tamén a aplicación e seguimento do Plan de Comunicación, así como cuestións relativas á avaliación e seguimento estratéxico do PO do Fondo Social Europeo Galicia 2007-2013 entre outros temas.

En Galicia o FSE permitiu que no ano 2011 case 132.022 persoas e 4.598 empresas se beneficiaran das actuacións cofinanciadas por este fondo. Unha gran parte foron empregados que melloraron a súa situación laboral, grazas á asistencia a cursos de formación; ás axudas ao desemprego ou ao autoemprego; aos itinerarios de inserción laboral; e as axudas á conciliación da vida familia e laboral entre outros.

Ademais, como consecuencia da participación nas actuacións do Fondo Social Europeo, no referido ao capítulo de inserción laboral, case 5.500 persoas accederon a un contrato de traballo.

A celebración do Comité é unha actuación cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco no Programa Operativo FSE de Galicia 2007-2013 con cargo ao Eixe 5 de Asistencia Técnica, tema prioritario 85 deste fondo, cunha taxa de cofinanciamento do 80%.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia