Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Inditex amplía a súa sede central en Arteixo nun compromiso coa comunidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a ampliación da sede central de Inditex e o feito de que Pemex teña un compromiso cos estaleiros privados e públicos galegos demostra que Galicia é unha comunidade solvente, fiable e apta para calquera emprendedor, por grandes que sexan as súas expectativas.

Durante a visita ás obras de ampliación do edificio da firma galega, que supón un investimento de máis de 100 millóns de euros e a creación de 400 novos postos de traballo, afirmou que “somos un país no que se pode confiar e iso é un motivo de orgullo para toda a nosa sociedade”.

Feijóo subliñou que fronte a aqueles que pensaban que sobre Galicia pesaba unha antiga maldición, que a facía menos propicia para a actividade emprendedora, “Inditex é un extraordinario desmentido; basta –dixo- con repasar a evolución histórica desta firma, con coñecer os proxectos de futuro ou as súas previsións”.

O titular da da Xunta afirmou que “lonxe diso, e entre as moitas causas que permitiron a Galicia rexurdir, están persoas como as que fixeron posible este gran proxecto empresarial. Persoas capaces de estender Galicia polo mundo, e de traer o mundo a Galicia. Contamos con emprendedores capaces de espertar, avanzar e soñar”.

O presidente do Goberno galego finalizou a súa intervención desexando que esta nova obra axude a que se nos coñeza mellor, “a que se vexa Galicia como unha ventá que abre Inditex ao mundo para coñecer este córner de Europa, chea de homes e mulleres traballadores, comprometidos e fieis ao traballo, comprometidos coa calidade e coa internacionalización da nosa economía”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia