Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo avoga por blindar a cooperación interrexional fronte á crise

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou, no acto de apertura do congreso sobre Smart Cooperation por blindar a cooperación interrexional fronte a crise, adaptándoa ás novas necesidades económicas, fundamentalmente á innovación e á xestión compartida en todos os ámbitos nos que sexa posible. “Pese aos momentos difíciles que vivimos, as rexións europeas seguimos sen ter medo a coñecernos máis e profundar máis na cooperación”, aseverou.

Durante a apertura do congreso sobre Smart Cooperation, Feijóo subliñou que Galicia como parte da Eurorrexión e como pioneira na colaboración transfronteiriza e interrexional é consciente de que este camiño é útil, máis se cabe nestes momentos de dificultades: “ofrece posibilidades reais económicas, de benestar e de desenvolvemento. Por iso, seguiremos traballando como o fixemos ata agora para fortalecela e para que o resto de Europa o faga tamén”.

Logo de resaltar que as seis redes de cooperación presentes no congreso representan a máis de 500 cidades das rexións fronteirizas e ao 37% da poboación da Unión Europea, o titular da Xunta referiuse tamén ao compromiso das instancias superiores, tanto do Goberno de España como por parte das autoridades comunitarias.

Neste sentido, Feijóo agradeceu o compromiso coas aspiracións transfronteirizas de Galicia e do Norte de Portugal, así como o impulso á cooperación entre as rexións e as cidades representadas no congreso. “Grazas ao noso empeño e ao empeño do Goberno de España, a Comisión Europea entendeu e atendeu as nosas propostas: tanto a que o próximo presuposto comunitario inclúa para as comunidades que, como Galicia, deixaremos de ser obxectivo de converxencia, unha rede de seguridade que garanta ata dous terzos dos fondos estruturais que percibimos actualmente; como a que se incremente o peso das alianzas interrexionais nos fondos europeos, tal e como demostra a previsión da Comisión de incrementar os recursos en materia de cooperación territorial”.

Así mesmo, o responsable autonómico afirmou que Galicia seguirá traballando conxuntamente co Goberno de España ata que se complete o traballo de preparación do marco comunitario do presuposto 2014-2020.

Como presidente de Galicia e como presidente de turno da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Feijóo trasladou que esta esquina de Europa foi sempre pioneira en materia de cooperación. “Cando poucos intuían as vantaxes das alianzas transfronteirizas sobre as que nin sequera se teorizara en Europa, aquí practicáronse por primeira vez estas fórmulas alternativas ao Estado ou á empresa tradicional, que logo haberían de ser asumidas por outros moitos territorios da Unión Europea.”.

“A nosa vocación é seguir parecéndonos a aqueles pioneiros da Eurorrexión, primeiro a través da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e, pouco despois, tamén co esforzo do Eixo Atlántico. Eles apostaron pola unidade ante calquera conxuntura e a experiencia demostra que non se equivocaron” afirmou, despois de lembrar que outros ámbitos se incorporaron tamén a esa filosofía: “concellos –iniciativas como a Eurocidade Chaves-Verín ou a recentemente eurocidade Tui-Valença; universidades –como por exemplo, o Campus do Mar de Vigo, entre as universidades galegas e as universidades do Norte de Portugal-; ou emprendedores que traballan de forma coordinada para facer súa a Estratexia Europa 20/20”.

Feijóo concluíu a súa intervención, destacando a necesidade, neste tempo de turbulencias, de fortalecer a unidade europea: “a nosa cooperación foi unha forza imparable nas últimas décadas e estou convencido de que pode seguir séndoo para lograr sobrepoñernos ás dificultades certamente complexas do presente”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia