Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Constitúese o Comité de Prevención de Incendios de Galicia na campaña 2012

O Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para a campaña 2012 quedou formalmente constituído en Santiago, coincidindo co comezo do inicio da época de alto perigo de incendios forestais, un período que dá comezo o 1 de xullo e que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro.

O Comité Integrado, presidido polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, xunto co subsecretario do Ministerio del Interior, Luis Aguilera, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e o Goberno Central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Deste órgano forman parte tamén a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, así como o Director Xeral de Protección Civil e Emerxencias, Juan Díaz Cruz; a directora xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, Begoña Nieto; e o director xeral de Política de Defensa, Tenente Xeral Juan Carlos Villamía, e o xeral de división da Unidade Militar de Emerxencias Alberto Asarta. Así mesmo, por parte da Administración Xeral do Estado, participaron na reunión o xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil de Galicia, José María Féliz Cadenas; e o Xefe Superior de Policía Nacional de Galicia, Jaime Iglesias Fernández.

En representación do goberno galego, tamén estiveron presentes o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.

A reunión deste Comité tivo como punto central da orden do día a exposición de medios humanos e materiais a despregar no operativo de defensa contra os incendios forestais deste ano.

Pladiga 2012

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2012) foi aprobado polo Consello da Xunta a pasada semana. Este ano mobilízanse 5.689 persoas en temporada de máximo risco ao que hai que engadir o reforzo de persoal dos Ministerios de Defensa e de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, así como dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado do Ministerio do Interior, ata completar un operativo de máis de 7.000 persoas.

No tocante aos medios materiais, contárase con 37 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado; e 300 medios mecánicos de loita contra o lume, entre os que cabe destacar as 156 motobombas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais) da Xunta, e aos que se engaden cisternas, palas e outros vehículos.

En base ao novo marco laboral, este ano los traballadores de prevención e extinción librarán 2 días por semana. Deste modo, cada traballador realizará un total de 66 días de traballo efectivo fronte aos 57 que viñan tendo segundo o antigo sistema de libranzas do total de 92 días de campaña de verán. A Policía Autonómica tamén despregara un operativo de máis de 200 axentes para os labores de prevención e investigación dos incendios forestais de Galicia.

Novidades

Como principal novidade no Pladiga cabe destacar a creación de 936 novas prazas de persoal fixo-discontinuo que se engaden ás 1.500 prazas destas características xa existentes na actualidade. Este plantel verase incrementado ata ampliar o dispositivo humano garantindo o mesmo número de xornadas efectivas nas labores de loita contra incendios e preservando totalmente o servizo e a presenza de medios materiais e humanos nos montes galegos en base á aplicación do actual réxime laboral.

Entre os axustes introducidos para mellorar o operativo destaca o estudo de emprazamento de cámaras térmicas para a vixilancia e detección de lumes. Ademais, cabe destacar o incremento en 3,4 millóns de euros máis nas labores de prevención, aumentando en 1,4 millóns o orzamento en materia global de prevención e extinción de incendios forestais.

Mantéñense os mesmos medios estatais que o ano anterior
Ao igual que en anos anteriores, o Estado aportará medios e efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e das Forzas Armadas para a prevención e extinción dos incendios que se produzan en Galicia, xunto coa correspondente dotación aérea do Ministerio Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

A Administración Xeral do Estado manterá os mesmos medios e recursos dispostos en Galicia que en anos anteriores:

- O Corpo Nacional de Policía conta con cerca de 200 efectivos para as labores de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

- A Garda Civil reforza os seus efectivos en Galicia, con especialistas do Seprona e conta cun elevado número de medios materiais e humanos.

- O Ministerio de Defensa firmará un Convenio para a prevención de incendios forestais en Galicia, con vixencia de 1 de agosto ata 2 de outubro. Esta actividade levarase a cabo por persoal dos Exércitos e a Armada.

Por outra banda, a Unidade Militar de Emerxencias despregará en Marín un destacamento procedente do Batallón de León, dende mediados de xullo ata finais de setembro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia