Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta mellora a Comisión de Coordinación de Fondos da Unión Europea

O Goberno galego aprobou un decreto que mellora o funcionamento da Comisión de Fondos Comunitarios co obxectivo de asegurar a coordinación e a complementariedade dos recursos estruturais e sectoriais para acadar os obxectivos establecidos no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia 2007-2013 nos respectivos programas operativos e nas disposicións que sexan de aplicación.

Este organismo, que estará presidido polo director xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda, Francisco Javier Rodríguez Seijo, ten como misión garantir que as intervencións dos fondos sexas coherentes coas actividades, políticas e prioridades da Unión Europea e complementarias con respecto a outros instrumentos financeiros da Xunta de Galicia.

A nova estrutura orgánica da Xunta, establecida polo Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, comporta unha reasignación das competencias relacionadas coa xestión e seguimento dos programas operativos dos fondos comunitarios para o período 2007-2013 e tamén introduce cambios na adscrición dalgúns organismos ou entes.

Ademais, de cara á programación da política de cohesión para o novo marco do período 2014-2020, incorporaranse como membros do comité aos representantes que integran as redes sectoriais previstas no Marco Estratéxico Nacional de Referencia, polo que terán representación as de Igualdade, I+D+i, Medio Ambiente e Iniciativas Urbanas.

Así, na comisión estarán representados tódolos xestores de fondos mediante a presenza dos titulares das seguintes secretarías e direccións xerais: Dirección Xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda, Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, Axencia Galega de Innovación, Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral de Igualdade da Presidencia da Xunta, Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Dirección Xeral de innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Por outra banda, co fin de informar e difundir a contribución que os fondos estruturais achegan a Galicia, a Comisión de Coordinación intensificará as tarefas de coordinación e desenvolvemento dos Plans de Comunicacións do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e do Fondo Social Europeo (FSE), polo que terá como nova función a de coordinar e velar polo cumprimento das actuacións en materia de información e publicidade.

Este organismo reunirase en sesión ordinaria tres veces ao ano e con carácter extraordinario cando sexa convocada pola presidencia, por iniciativa propia ou por petición da maioría simple dos seus membros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia