Xoel López abre o ciclo Atardecer no Gaiás
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/xoel_lopez_2.jpg)
Xoel López será o encargado de abrir o Atardecer no Gaiás, un ciclo de lecer para os meses de verán na praza central da Cidade da Cultura que aposta pola fusión de diversos estilos musicais coa poesía e as propostas máis vangardistas no eido da videocreación en directo. O músico coruñés presentará o seu último traballo despois de haber viaxado por diferentes países co proxecto “Xoel López e a Caravana Americana”.
Atardecer no Gaiás mantén a súa idea orixinal de ofrecer estas actuacións nos atardeceres dos xoves, venres e sábados do verán, a partir das 21:00 horas. Do 5 de xullo ata o 8 de setembro, a praza exterior do Gaiás converterase nun espazo para o relax onde se habilitará unha zona chill-out con sofás e coxíns que permitirá gozar deste ciclo de espectáculos de pequeno formato.
Atardecer no Gaiás celebrou no verán do 2011 a súa primeira edición cunha moi boa acollida por parte do público. Durante a pasada edición, os que se achegaron a Cidade da Cultura disfrutaron coas actuación de bandas internacionais como Lacrosse; as melodías medievais do grupo Mendinho; o diálogo musical que estableceron sobre o escenario Ugia Pedreira e Fred Martin, os recitais poéticos a cargo de María Lado, Yolanda Castaño e Olalla Cociña; ou a micropoetisa madrileña Ajo.
Rock para a primeira semana
Tras a estrea deste xoves con Xoel, o venres será a quenda das arxentinas Las Kellies, unhas mozas políglotas que buscan divertir e divertirse nos seus directos. Cancións sinxelas que mesturan garage, post punk, cumbia e dub e que dan como resultado un rock cru e á vez picante, bailable e apegadizo.
Esta primeira semana de Atardecer no Gaiás complétase coa chegada desde Cataluña de Santa Rita, grupo de rock experimental e intuitivo; un cóctel de hormonas musicais revolucionadas na procura de fieis devotos da diversión.
Catálogo Gallaecia Petrea
A Cidade da Cultura de Galicia acollerá esta tarde a presentación do Catálogo da exposición Gallaecia Petrea, unha ambiciosa publicación de máis de 600 páxinas que reúne as mellores obras do noso patrimonio en pedra. A presentación, que terá lugar ás 20:00 horas no Museo da Cidade da Cultura de Galicia, contará coa presenza dos seis comisarios que conducen esta viaxe pola Historia de Galicia a través da pedra: o profesor Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña; Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Antonio Rodríguez Colmenero, profesor ad Honorem da Universidade de Santiago; Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra; Ana Goy Diz, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago; e Miguel Fernández Cid, director da Fundación Torrente Ballester.
O Catálogo de Gallaecia Petrea é o resultado final dunha exhaustiva e minuciosa investigación sobre o patrimonio galego a cargo dun total de 76 expertos, investigadores e profesores universitarios que hoxe estarán na presentación pública do que supón un importante traballo documental do patrimonio de Galicia e o Norte de Portugal ao longo da súa Historia.
Fotografía: Lola García (distribuída pola Xunta de Galicia)
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia