Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Esther Ferrer presenta "En catro movementos" no CGAC ata o 30 de setembro

O Centro Galego de Arte Contemporánea, dependente da Consellería de Cultura e Educación, acolle ata o vindeiro 30 de setembro, a exposición Esther Ferrer. En catro movementos, organizada por Acción Cultural Española (AC/E). O director do centro, Miguel von Hafe, presentou hoxe en rolda de prensa esta exposición, nun acto no que estivo acompañado pola artista Esther Ferrer, e pola comisaria da mostra, Rosa Olivares. Esta mesma tarde, ás 20 horas, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad inaugurará oficialmente a mostra.

Esther Ferrer. En catro movementos non é unha exposición antolóxica nin unha retrospectiva da artista senón unha maneira de visualizar os conceptos esenciais que presidiron e presiden todo o traballo da guipuscoana: o tempo, o infinito, a repetición e a presenza. Deste xeito, a exposición constrúese en torno a eses catro conceptos, representados cada un deles mediante distintas obras de Esther Ferrer: pezas de carácter obxectual, instalacións realizadas na propia sala e performances.

A exposición está organizada polo CGAC e Acción Cultural Española (AC/E), en coprodución co Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo (ARTIUM) e o Museu d´Art Modern i Contemporani de Palma (ES BALUARD). Asemade, editouse un catálogo con textos de David Pérez, Tom Johnson, Sergio Rubira, Alberto Sánchez Balmisa, Margarita de Aizpuru e Rosa Olivares.

O tempo, o infinito, a repetición e a presenza, presiden a mostra
A través das súas series de fotografía máis coñecidas, Autorretrato no tempo e Autorretrato no espazo, Esther Ferrer fai fincapé no concepto de “tempo”, xunto coa instalación O fío do tempo, partituras e documentación dalgunhas das súas performances: as dúas partes de Ao ritmo do tempo, Dar tempo ao tempo, A primeira media hora e O tempo da performance.

O espazo dedicado ao “infinito” contén a instalación e a partitura de El muro de los inmortales, así como unha peza de audio titulada Los infinitos. O concepto, ademais, queda plasmado en dúas series de debuxos e lenzos tituladas Pi, e a proxección de Los decimales de Pi, que dan idea do interese da artista polo universo dos números.

No relativo á “repetición”, Esther realiza diversas variacións arredor da acción de Recorrer un cuadrado de todas las formas posibles. Unha instalación no espazo, debuxos sobre o muro e en papel cebola, e a documentación sobre a performance do mesmo título, forman parte desta sección.

Para o concepto “presenza”, conta con outra gran instalación que require da participación do espectador. En el marco del arte é unha peza que a artista realizou en 1999, cando representou a España na Bienal de Venecia, e que agora pode verse por primeira vez no noso país grazas a esta exposición. Xunto a ela, unha serie de marcos, por exemplo: La puerta sin puerta, En el marco del arte naturista o En el marco del arte moderno e En el marco del arte postmoderno, entre outras. O visitante tamén poderá contemplar a instalación En el marco de la historia del arte e a partitura e documentación videográfica da acción En el marco del arte.

Unha artista do efémero

Esther Ferrer, nacida en Donosti no ano 1937, é coñecida por empregar as performances como principal forma de expresión e exhibición en festivais de todo o mundo. Ao longo da súa traxectoria, orientou o seu traballo cara ás accións efémeras máis que cara a un tipo de produción artística permanente e, regularmente, expón o seu traballo plástico en en centros como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, a Galería Trinta de Santiago de Compostela ou a Staatsgalerie Stuttgart.

En 1999 foi unha dos dúas artistas que representaron a España na Bienal de Venecia e en 2008 concedéuselle o Premio Nacional de Artes Plásticas. En xuño deste ano, foi galardoada polo Goberno vasco co Premio Gure Artea 2012 en recoñecemento pola súa traxectoria artística.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia