Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo asegura que "nesta lexislatura e na seguinte quedará finalizado o gran armazón das infraestruturas da Administración de Xustiza de Galicia"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou en Ourense que “nesta lexislatura e na seguinte quedará finalizado o gran armazón das infraestruturas fundamentais da Administración de Xustiza de Galicia”. Na súa visita as obras do novo edificio xudicial de Ourense, adxudicado por máis de 16 millóns de euros, o responsable autonómico definiu á nova administración como “un edificio singular desde o punto de vista construtivo, un edificio funcional desde o punto de vista das características técnicas e un edificio tamén eficiente, desde o punto de vista enerxético”.

Segundo Feijóo, son “160.000 cidadáns os que disporán dunhas novas infraestruturas xudiciais, e son 19 concellos os que conformarán unha nova infraestrutura que duplicará o espazo actual xudicial que existe na cidade de Ourense”.

O responsable do Goberno Autonómico describiu o Plan de Infraestruturas Xudiciais, presentado ao inicio da lexislatura ao Consello da Xunta e dotado con 100 millóns de euros, como “un plan completo para solucionar de forma definitiva ás infraestruturas materiais que se necesitan para que os funcionarios da Administración de Xustiza poidan facer o seu traballo e poidan facer eficiente este servizo público esencial desde o punto de vista do Estado de Dereito, desde o punto de vista económico e desde o punto de vista social”. Así, e segundo informou o titular da Xunta, ademais do novo edificio xudicial de Ourense, “estamos finalizando as infraestruturas de Ferrol e Santiago, e temos proxectos en Pontevedra e na Coruña”.

O presidente da Xunta non pasou por alto o aspecto “fundamental das infraestruturas tecnolóxicas para informatizar e facer máis eficiente a relación entre os profesionais da Xustiza”. A este respecto informou de como o Goberno está a implementar o Plan Senda que “cun presuposto de 34 millóns de euros, pretende ter informatizados os expedientes xudiciais”.

Asistencia sanitaria, infraestruturas e turismo

O mandatario galego recordou outras actuacións que o Goberno Autonómico está a levar a cabo en Ourense. Deste xeito asegurou que “temos unha axenda na que imos paso a paso cumprindo os obxectivos previstos”. Respecto á administración sanitaria, Feijóo asegurou que “neste mes de xullo empezarase a licitar os primeiros servizos que darán pé ao gran edificio do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para que antes de que finalice o verán podamos licitar a obra de 40 millóns de euros que suporá un antes e un despois na hospitalización e na calidade”.

Do mesmo xeito, apuntou que dentro da axenda sanitaria “faremos tres centros de saúde, o Centro de Saúde do Vinteún, o Centro de Saúde do Couto e o Centro de Saúde da Valenzá en Barbadás”. Tocante ao Centro de Saúde do Couto, o presidente anunciou que “vai a ser unha realidade” a través “dunha licitación no DOG no mes de xullo e no que a obra se refire, antes de que remate o verán”.

No eido das infraestruturas, o titular da Xunta enunciou que “a primeira autovía que licitou este Goberno foi a autovía entre Ourense e Celanova” e concretou que “a pesares da dificultades, será a primeira autovía finalizada por este Goberno durante esta lexislatura”.

No remate da súa intervención, o presidente adquiriu o compromiso “dunha solución á viabilidade definitiva da estación de montaña de Manzaneda”. “Unha solución para conformar a única estación que vai a ter Galicia dese o punto de vista de inxección de capital, de inxección de investimento e de profesionalización na xestión da estación de inverno”, matizou. Feijóo fixou agosto como o prazo para “presentar o proxecto definitivo das características e dos contidos dese investimento” que posibilitarán “unha nova Manzaneda”. O xefe do executivo aseverou que este é “o obxectivo que temos desde o Goberno e que se vai consolidando para mandar unha mensaxe, non só á cidade senón as zonas máis desfavorecidas da provincia, de que a Xunta de Galicia non esquece os seus compromisos por moitas dificultades que existan neste momento”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia