Ruíz Gallardón "entende e atende" a petición da Xunta de Galicia para agravar as penas dos incendiarios
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/gallardon_1.jpg)
Tras o encontro que este mediodía mantivo en Santiago con Alberto Ruiz Gallardón, o presidente galego defendeu que endurecer as penas dos incendiarios é “actuar con xustiza”. Feijóo advertiu que “os criminais dos montes teñen que saber que fronte a eles hai un pobo unido e decidido que lles vai esixir non soamente ter privación de liberdade senón o seu propio patrimonio, que quedará a disposición dos galegos e de comunidades como Galicia que viron diminuído o seu patrimonio forestal como consecuencia dalgunhas actuacións que haberá que esclarecer”.
Feijóo lembrou que era unha reivindicación do Goberno galego conseguir un endurecemento no Código Penal cara aos autores de incendios forestais, especialmente aqueles que actúan “de forma intencionada e de forma reiterada”. O presidente amosou o seu convencemento de que “do mesmo xeito en que todo o mundo coincide en que o que contamina, paga; agora todo o mundo vai coincidir en que o que queima, paga”.
Na súa comparecencia ante os medios, o titular da Xunta lembrou que o Goberno galego tomou a iniciativa na loita contra a impunidade dos incendiarios e logrou a unidade da sociedade galega contra eles. O mandatario galego aseverou que “hoxe é un día no que poñemos máis difícil aos incendiarios que poidan seguir actuando de xeito impune, un día que pode ser o inicio dunha reforma do Código Penal que sexa, esta vez si, efectiva para diminuír este tipo de delitos”. Así, Feijóo cifrou en preto dun 80% os incendios que se producen de xeito intencionado e informou que “neste semestre, a Policía fixo o seu traballo e detivo ao dobre de presuntos incendiarios con respecto ao primeiro semestre do ano pasado”.
Deste xeito o responsable autonómico achegou ao ministro “as grazas máis expresivas por ser sensible a esta cuestión, por estudala conxuntamente, por traballala conxuntamente e porque ademais el decidiu anunciala en Galicia, o que para nós é toda unha honra”.
Unha medida obrigada para Galicia
O presidente galego subliñou que “a Xunta de Galicia fixo todos os esforzos e os seguirá a facer para vencer a lacra dos incendios”. Nesta liña, Feijóo asegurou que o Goberno galego actuou para “poñer en valor o monte” con medidas como “a primeira Lei de montes dos nosos primeiros 30 anos de autogoberno, que impide a segregación de parcelas forestais por debaixo de 15 hectáreas para manter unidades de explotación rendibles”. Así tamén destacou o impulso ás agrupacións voluntarias forestais que supoñen unha “figura xurídica que innova o noso ordenamento”.
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/gallardon_2.jpg)
Ademais, engadiu o presidente galego, “tiñamos que ser implacables cos incendiarios”. Neste punto, Feijóo explicou que “lle corresponde ao Goberno adoptar a decisión de facer modificacións no Código Penal para que teñan moi claro que aqueles que queiman o patrimonio de todos teñen que ter unha responsabilidade ante todos”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia