Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Novo pulo ao Plan de Banda Larga co compromiso de creación dun 60% máis de centros de telecomunicacións de Retegal

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a creación, entre 2012 e 2013 dun 60% máis de centros de telecomunicacións de Retegal garante a existencia “de todas as instalacións que necesitamos para acadar a cobertura ao 100% de internet”. O titular da Xunta fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hoxe lle deu luz verde á declaración da incidencia municipal do Plan Sectorial de Retegal, que permitirá cumprir cos obxectivos do Plan de despregamento de Internet na Comunidade Autónoma.

O xefe do Goberno galego defendeu esta iniciativa como un “respaldo fundamental” para que Galicia “poida cumprir os obxectivos e para que a Internet sexa unha ferramenta de traballo e unha ferramenta habitual nos fogares e nas empresas”. “Imos seguir despregando o Plan de Banda Larga para que o 100% dos galegos teñan cobertura de internet nos seus domicilios, nas súas empresas e nos servizos públicos”, abondou.

A empresa pública Retegal, consonte lembrou Feijóo, foi creada inicialmente para prestar servizos de radiodifusión á CRTVG e hoxe se converteu “nunha peza fundamental no despregamento tecnolóxico de Galicia”, nun operador integral de telecomunicacións que “fixo realidade fitos importantes como o apagamento analóxico”, do mesmo xeito que “está facendo tamén un excelente servizo na expansión da banda larga en toda Galicia”.

O titular da Xunta destacou que co Plan aprobado hoxe, Retegal seguirá a contar “coa rede máis ampla de toda a Comunidade Autónoma tanto a nivel de infraestruturas de transporte como de infraestruturas de difusión”. Así, detallou que na actualidade conta con 200 centros de telecomunicación e o Consello autoriza a construír 116 novos, é dicir, “a incrementalos nun 60%”para cumprir co plan de Despregamento de Internet na Comunidade Autónoma”.

Resaltou que o obxectivo deste Plan sectorial é “ordenar axeitadamente as infraestruturas existentes e determinar o criterio de instalación de infraestruturas novas”. Así, avanzou que co proxecto se pretende “analizar todas as infraestruturas existentes xestionadas por Retegal, a súa situación urbanística e o papel que cumpre, tanto desde o punto de vista loxístico como operativo”.

Trátase, remarcou o presidente galego, de “establecer as medidas que se consideran necesarias para a evolución e conservación de todas as infraestruturas de telecomunicacións”; de “cuantificar as necesidades que temos a curto e a medio prazo que se detectan nas 4 provincias galegas”; “ocalizar as áreas territoriais máis deficitarias destas infraestruturas”; e “deseñar criterios obxectivos de instalación de estas novas infraestruturas de telecomunicacións”.

Balance do Plan de Banda Larga

“Seguimos traballando conforme ás previsións do Plan de Banda Larga e os compromisos tecnolóxicos da lexislatura”, desatou o xefe do Goberno galego. Lembrou que cando comezou o mandato, case 800.000 galegos non dispuñan de acceso a internet por banda larga e hoxe son máis de 300.000 deses galegos os que xa o posúen. Apuntou que queda “un burato de 470.000 que aínda non dispoñen do servizo” e que solucionar a súa situación é o obxectivo do Plan para o período 2012-2013.

O presidente da Xunta salientou que en 2012 “temos en marcha o 100% do Plan de Banda Larga” para cumprir o 100% dos obxectivos. O primeiro deles, dixo, é que o 100% dos galegos teñan acceso á banda larga (94% a través das redes fixas e o 6% con satélite) e actualmente a teñen o 90%.

En segundo lugar, referiuse ao obxectivo de que o 100% dos polígonos industriais teñan cobertura de internet. Hoxe o 60% dos polígonos xa teñen cobertura de internet. “Quédannos 6”, indicou. O terceiro obxectivo que mencionou é o de que todos os puntos de demanda de servizos públicos teñan cobertura de calidade. Segundo Feijóo, hoxe o 95% dos servizos públicos teñen cobertura de calidade, o que permite, entre outras cousas, “a receita electrónica nas farmacias e no centros de saúde, converténdonos na Comunidade Autónoma con maior cobertura de receita electrónica”.

Sinalou como cuarta pretensión que máis de 1,2 millóns de galegos teñan rede de última xeración, un obxectivo que se acada actualmente en máis do 88%. E, por último, subliñou a meta de eliminar o desequilibrio territorial, sobre o que afirmou que “levamos eliminado o 80% do desequilibrio territorial das provincias de Lugo e Ourense con respecto ás provincias atlánticas”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia