Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A FEG felicítase pola aprobación da Rede Natura 2000

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) felicítase pola aprobación por parte da Comisión Europea da lista de espazos da rexión atlántica que integrarán a Rede Natura 2000 e considéraa un feito histórico para a conservación da natureza no noso país. Alén das 14 Zonas de Especial Protección das Aves (ZEPAs) xa declaradas, 55 espazos da rexión atlántica integrarán a Rede Natura 2000 en Galicia. Para contribuír á divulgación desta rede de espazos naturais, a FEG editou o tríptico Rede Natura 2000. Galicia na conservación do medio natural europeo.
A Consellería de Medio Ambiente deberá declarar o antes posíbel, e como máximo nun prazo non superior a 6 anos, estes espazos coma Zonas de Especial Conservación (ZECs). Desde agora é aplicábel todo o artigo 6 da Directiva Hábitats. Polo tanto, deberán realizarse axeitados plans de xestión e establecer as medidas regulamentarias e administrativas que respondan ás esixencias ecolóxicas dos lugares designados e que eviten a súa deterioración.
A FEG esixe á Xunta un compromiso real coa xestión adecuada dos espazos da Rede Natura 2000, na inmensa maioría dos casos abandonados hoxe á súa sorte. Considerando os pasos dados até agora para a súa preservación, Galicia é un dos peores exemplos na UE, correspondéndolle un suspenso rotundo. De agora en diante, a Consellería de Medio Ambiente deberá informar á Comisión sobre as medidas concretas que adopta para a conservación destes espazos.
Desde que no ano 1999 foi proposta a primeira lista galega de zonas propostas para a Rede Natura 2000, rexistráronse os maiores impactos ambientais en moitas das áreas designadas (ver anexo da nota)
A Comisión aínda non aprobou a lista da rexión mediterránea, na que se inclúen 4 espazos galegos. A Comisión deixou aberta a posibilidade de ampliar os espazos da Rede, ao se detectar que esta é incompleta para diferentes hábitats e especies. Neste senso, recordamos que Galicia atópase á cola das autonomías de España canto ao esforzo de territorio incluído, cun 12% da súa superficie, fronte ao 22% da media española ou ao 40% proposto pola Comunidade de Madrid. A FEG presentou no seu día unha proposta de ampliación da mesma, salientando clamorosas exclusións de espazos de alto valor ecolóxico, coma por exemplo a Serra do Suído ou diferentes treitos fluviais mediterráneos da provincia de Ourense, áreas que quedan completamente indefensas.

15 exemplos de agresións en espazos da Rede Natura 2000 en Galiza


O Baixo Miño. Unión FENOSA e Electricidade de Portugal pretenden construír tres encoros.

Bidueiral de Montederramo. Nun dos mellores bosques autóctonos de Galicia, construiuse un cercado para unha explotación cinexética intensiva.

Costa da Morte. Ameazada pola da piscifactoría máis grande do mundo, en cabo Touriñán, que se sumaría á xa construída en cabo Vilán. Algúns tramos aínda presentan contaminación por fuel do Prestige. Acentuada presión urbanística.

Complexo Húmido de Corrubedo. Declarado Parque Natural, está ameazado por unha urbanización de luxo. Acentuada presión urbanística.

Costa Ártabra. Excluiuse unha zona inicialmente proposta para a Rede Natura 2000 para construír nela o porto exterior de Ferrol, área que albergaba especies mariñas únicas. A Serra da Capelada foi degradada por parques eólicos.

Esteiro do Tambre. Unha estrada promovida pola Consellería de Política Territorial atravesará este espazo. Finalmente quedou moi reducida a súa superficie.

Gándaras de Budiño. A Consellería de Medio Ambiente reduciu a súa superficie de 959 a 727 has. Degradada por novas zonas industriais e a construción de infraestrutura.

Pena Trevinca. Unha estación de esquí podería degradar os seus valores naturais.

Río Lérez. Directa e indirectamente afectada polo aproveitamento hidroeléctrico integral do río Lérez, promovido por Unión FENOSA.

Serra do Xistral. Os parques eólicos instalados nesta serra degradaron as súas valiosas turbeiras e estragaron unha das paisaxes con maior grao de naturalidade de Galiza. A afección pode considerarse crítica.

Sistema fluvial Ulla-Deza. Ameazado pola construción de encoros nas súas proximidades (río Deza) e por unha canalización de 10 km (río Sar).

Serra do Candán. Afección crítica da totalidade dos seus planaltos por construción de varios parques eólicos.

Serra do Cando. Afección crítica da totalidade dos seus planaltos por construción de varios parques eólicos.

Serra do Careón. A concentración parcelaria e a construción dun parque eólico alteraron o espazo. Ameazada pola autovía Santiago-Lugo.

Praia das Catedrais. Acondicionamento dunha área recreativa que orixinou unha forte transformación do entorno terrestre do espazo.
FEG (Federación Ecoloxista Galega)