Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Adega ofrece consellos para un Nadal máis ecolóxico

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) creou unha sección na súa web na que suxire consellos para un nadal máis ecolóxico. No nadal, a nosa sociedade tórnase hiperconsumista e dispárase o consumo de recursos, o gasto enerxético e a produción de lixo, que chega a medrar entre un 50 e un 70%. ADEGA propón particularmente nesta época do ano unha moderación do consumo e comportamentos máis respectuosos co medio ambiente.
Na web de ADEGA (http://www.adegagaliza.org/ecocotian/nadal/indice.htm) ofrécense consellos para un nadal máis ecolóxico en diferentes ámbitos: na casa, na mesa, de compras, nas festas. Tamén se suxiren dúas actividades sobre consumo e nadal: unha sobre a influencia da publicidade e outra para a elaboración dunha cesta de nadal ecoloxicamente xusta.
En nadal, xérase un gasto enerxético superior ao do resto do ano, así como un maior consumo de produtos e unha maior produción de residuos. Produtos alimenticios, xoguetes para @s cativ@s, perfumes para mulleres e homes, etc, tradúcense nunha maior depredación dos limitados recursos do planeta.
O adorno dos fogares no Nadal contribúe demasiadas veces á degradación da natureza, por causa principalmente da utilización de acivros silvestres, de xilbarbeira e de musgos.
ADEGA defende a aplicación dos tres erres: a redución, a reutilización e a reciclaxe. Ou mesmo agora que está tan de moda engadirlle erres, aos tres tradicionais, poderiamos falar de Reflexión, Re-pensar o que precisamos (ou precisan) e cuestionarmos todo o que supón o noso consumo, xa que a excesiva acumulación de cousas leva a non valorar o que se ten.
Á hora de aplicarmos os erres non deberiamos facelo de maneira perversa, é dicir comezando polo erre final, o de reciclaxe, mercando e xerando residuos sen control, "xa que logo se van reciclar". O erre de reducir é o máis importante. Se non reducimos o consumo dificilmente solucionaremos os problemas ambientais.
Para que o noso estilo de vida sexa máis ecolóxico, tamén nesta época do ano é positivo procurar aforrar enerxía no fogar, utilizar o menos posíbel o automóbil privado, consumir preferentemente produtos locais, artesanais, ecolóxicos e de comercio xusto, ou ter en conta que os animais de compañía son seres vivos e non xoguetes.
Adega