A rede Ourense WiFi superou en xullo os 10.000 usuarios únicos rexistrados dende a súa posta en funcionamento
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/Ourense-Wi-Fi.jpg)
O Informe de emprego da rede 'Ourense WiFi' arroxa tamén un importante incremento da frecuencia de uso da mesma. Deste xeito, o número de visitas totais rexistradas ao longo do mes de xullo ascende a 14.223 -polas 5.137 rexistradas en xuño, ou as 4.282 de maio-, levadas a cabo por 5.293 visitantes únicos. Destas visitas, o 31% son novas, é dicir, corresponde a usuarios que nunca antes accederan á rede.
Outro indicador que rexistrou un importante crecemento ao longo do mes de xullo é o relativo ao número de páxinas visitadas polos usuarios da rede 'Ourense WiFi'. A cifra correspondente ao mes pasado -54.9712-, supón un incremento do 160% respecto ao mes de xuño. Deste dato despréndese que o tempo de permanencia dos usuarios na rede é maior, visitando un maior número de páxinas durante as súas conexións. O acumulado anual de páxinas visitadas polos internautas ascende a 133.355.
Ao longo do mes de xullo contabilizáronse 12.449 sesións iniciadas polos usuarios do sistema, é dicir, o número o total de navigacións pola Internet que levaron a cabo durante ese período os internautas rexistrados. Esta cifra -superior ás rexistradas nos meses de maio (7.598) e xuño (11.072)-, sitúase entre as máis altas dende a posta en marcha do servizo, e sitúa o número total de sesións en 187.369 dende decembro de 2010 -unha media de 9.368 cada mes, e 312 cada día-.
Este aumento do número de sesións respecto dos meses precedentes pódese relacionar coa maior afluencia turística en xullo -como xa ocorrera co gallo da Semana Santa en 2011 e este mesmo ano-, de xeito que o servizo 'Ourense WiFi' sería unha ferramenta últil para todos aqueles visitantes de fóra da cidade que desexan empregar a Internet durante a súa estancia en Ourense, dun xeito áxil, cómodo y sen ningún custo. Ademais, os días de maior actividade durante o mes pasado coincide cos días próximos á festividade do Apóstolo e ós días finais do mes.
No referente ás canles de acceso á rede, o 36% dos usuarios fixérono a través de dispositivos móbiles -teléfonos, tabletas, etc.-, mentres que o 64% restante corresponde aos accesos a través de ordenadores convencionais. Deste xeito, constátase a crecente modernización dos usuarios, que empregan no seu día a día as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías. Neste sentido, a posta en funcionamento da rede 'WiFi Ourense' supuxo no seu momento un importante chanzo no camiño de reducir a fenda dixital e dotar a Ourense dunha rede inalámbrica de acceso á Internet que permita aos cidadáns e visitantes unha rápida conexión á rede de xeito gratuíto. Este esforzo obtivo a súa recompensa o pasado mes de abril, cando Google - buscador líder na Internet e unha das empresas con mellor valoración a nivel mundial- recoñeceu a Ourense como 'Cidade Dixital', valorando o esforzo do Concello por fomentar o desenvolvemento dixital de cidadáns e empresas.
Concello de Ourense