Oito bandas e djs forman parte do cartel do Lolapop de Redondela (Pontevedra)
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/lola_pop.jpg)
Organizado pola empresa galega Ernie Producciones, o Lolapop é un dos 15 eventos musicais subvencionados este ano a través da nova convocatoria pública de axudas a festivais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que inclúe ademais o apoio a 8 encontros de artes escénicas e á que se destina un importe global próximo aos 350.000 euros.
Cambio de sede
O festival, que conta ademais co patrocinio e colaboración doutras entidades públicas e privadas, regresa en 2012 ao panorama musical galego despois da paréntese do ano pasado. Unha das principais novidades desta edición é o traslado da súa sede ao concello de Redondela, cun recinto situado a carón do mar na explanada do porto de Cesantes.
Porén, a filosofía do V Lolapop continúa a ser a mesma que en anos anteriores e que, como sinala a organización, está baseada na procura dun “festival coidado en todos os seus aspectos”, dende a elección do cartel ata os medios técnicos e a atención ao público e profesionais asistentes.
Programación infantil
Como parte importante da programación, o festival mantivo o Lolapop para Nenos, que se celebrou o pasado sábado na alameda de Redondela co obxectivo de achegar o pop aos máis pequenos (nenos e nenas de 3 a 14 anos de edad) a través dos concertos acústicos de parte dos grupos en cartel, así como doutras actividades especialmente pensadas para os máis cativos.
As entradas poden adquirirse de xeito anticipado na web www.ticketea.com, ao prezo de 12 euros máis gastos de xestión, ademais de nos puntos de venda física habilitados en Pontevedra (Rei Zentolo e Pekeño Karma), Vigo (Discos Elepé), Santiago de Compostela (A Reixa Tenda) e A Coruña (Portobello Discos). Tamén poderán adquirirse o mesmo día do festival, na billeteira do recinto, a un prezo de 16 euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia