O blues experimental de Bill Orcutt, no CGAC
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/bill_orcutt.jpg)
Bill Orcutt, cunha formación musical completamente intuitiva e autodidacta, está considerado por moitos dos seus contemporáneos como un dos guitarristas máis innovadores no terreo do blues. Entra a inicios dos noventa na escena punk-rock e hardcore norteamericana no grupo Harry Pussy, onde tocaba unha guitarra de catro cordas cun estilo de punteado hardcore-blues, mesturado ademais con rock e flamenco.
Nunha entrevista Orcutt confesou: “Eu non son mais ca un tipo que anda á procura do seu propio camiño tocando blues”. Esta premisa é a responsable de revivir o ánimo que agrupou a varios músicos do pasado século, os cales, a través da elaboración xenérica, consumaron obras singulares con marcas de autoría inequívocas desde Lightnin´ Hopkins a Mississipi Fred McDowell e Robert Johnson; pero tamén John Fahey, Screamin´ Jay Hawkins, Jimi Hendrix, Derek Bailey ou Keiji Haino.
Os seus álbums máis recentes son Way Down South (2010) e How the Thing Sings (2011). Asemade, o seu traballo A New Way to Pay Old Debts (2009), foi elixido mellor álbum do ano pola revista especializada The Wire.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia