Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Goberno central aproba o novo Plan Hidrolóxico de Galicia

O Consello de Ministros aprobou por decreto o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, o que supón a culminación da súa tramitación administrativa e entrará en vigor unha vez que saia publicado no Boletín Oficial do Estado. Deste xeito a comunidade galega convértese na segunda de España que conta cun novo plan hidrolóxico adaptado á directiva marco europea, logo do correspondente ás concas interiores de Cataluña, e comparte este posto cos plans das concas andaluzas, que hoxe tiveron tamén o visto bo do Goberno.

A Xunta culminou a tramitación autonómica do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa en outubro do ano pasado, un plan dotado cuns investimentos de 1.000 millóns de euros ata 2015. O Plan Hidrolóxico de Galicia constitúe a principal ferramenta de planificación, xestión e ordenación dos recursos hídricos de Galicia Costa e define a política a seguir en materia de augas. Os seus obxectivos principais son:

• Acadar o bo estado das masas de auga para o ano 2015 e promover o seu uso sostible.
• Satisfacer axeitadamente as demandas de auga.

O 10% dos recursos hídricos de España

Este plan ocupa o 44% do territorio de Galicia con 12.988 km cadrados, e acolle ao 75% da poboación galega. Ademais tamén ten gran importancia a nivel estatal, posto que supón máis do 10% dos recursos hídricos dispoñibles en toda España cando ocupa menos do 3% da súa superficie

Os obxectivos deste plan inclúen o saneamento das rías e o saneamento dos ríos competencia exclusiva da Comunidade antes do ano 2016; e cumprir o compromiso de non autorizar novos obstáculos aos ríos destinados a aproveitamentos hidroeléctricos. Así, non se autorizarán novos embalses, novas presas, novas minicentrais que afecten aos cauces naturais dos ríos, tal como están neste momento transcorrendo por Galicia no ámbito das competencias exclusivas de Galicia, que son os ríos que nacen e desembocan no territorio da Comunidade.

Galicia convértese na segunda comunidade que presenta un plan dun total dos 26 que hai que elaborar en España adaptados á Directiva Marco europea. E trátase dun plan completo, porque se concretan recursos económicos para actuar a medio e longo prazo.

A Xunta elaborou o novo documento, cuxo borrador se someteu a información pública ata febreiro de 2011, nun marco que se caracterizou polo diálogo con todos os actores aos que este asunto afecta.

O abastecemento, prioritario

O plan define e prioriza os usos da auga, recoñecendo como uso prioritario o abastecemento da poboación, por enriba de todos os demais; inclúe o uso ambiental, en caso de necesitarse nas zonas protexidas; e determina o caudal ecolóxico como unha restrición previa aos usos da auga, garantindo así a súa dispoñibilidade. Con este obxectivo dividiuse Galicia en 480 masas de auga e realizouse a súa diagnose de forma pormenorizada.

Os estudos realizados no marco dos traballos de elaboración do plan identificaron 462 masas de auga superficiais e 18 subterráneas. Todas as augas subterráneas galegas están en bo estado, así como o 70% das superficiais.

O plan concreta un total de 550 actuacións das que a maior parte, un 73%, será dedicado a melloras de saneamento e depuración. Do investimento total previsto, inclúense 75 millóns destinados a actuacións de mellora do subministro de auga potable.

O Plan recolle un rexistro de zonas protexidas no que se inclúen todas as zonas que foron declaradas obxecto dalgunha protección especial. Esta protección puido ser relativa ás súas augas, á conservación de hábitats ou especies que dependen directamente da auga, como a Rede Natura 2000, ou puido ser designada directamente polo plan.

Unha das principais novidades do plan é a creación de novas figuras de protección como: As zonas protexidas de captación de auga potable, que son aquelas que abastecen máis de 50 persoas. A declaración de reservas naturais fluviais, das que se identificaron 13. E as zonas de protección especial, nas que haberá que prestar unha maior vixilancia ás actividades que se desenvolvan para non producir impactos negativos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia