Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia consolida o aforro farmacéutico con 11 millóns de euros mensuais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que, no que vai de 2012, Galicia consolida a senda de aforro farmacéutico, chegando aos 11 millóns de euros mensuais. “Se no ano 2011, a prestación farmacéutica en Galicia -cun catálogo de medicamentos que propón que dentro de dous medicamentos iguais se financie o medicamento de menor custe-, supuxo unha eficiencia no sistema sanitario de 102 millóns de euros; no que levamos de 2012, a partires de xullo, que entrou o novo sistema de prestación, o aforro está en 11 millóns mensuais, o que suporá un aforro anual superior a 100 millóns de euros”, afirmou.

O titular da Xunta resaltou que con este tipo de eficiencias é como se está a blindar o sistema sanitario fronte á crise económica “e vamos seguir traballando neste eido”, garantiu, logo de facer fincapé en que a sostenibilidade do sistema faise todos os días: “Faise cando se decide que se vai a seguir profundando na eficiencia enerxética do consumo, tanto en centros sanitarios de atención primaria como en hospitais. A eficiencia enerxética suporá unha diminución superior ao 20% do gasto en enerxía do Servizo Galego de Saúde. Se consigue centralizando todo tipo de compras e subministración para garantir a equidade da prestación en todos os centros sanitarios, atender as suxestións e propostas dos profesionais e para facer máis con menos. E facer máis con menos é o que intentamos coa prestación farmacéutica”.

Durante a presentación do Plan Estratéxico do Clúster Saúde de Galicia, Feijóo incidiu no gran esforzo que “entre todos” se está a facer na comunidade dentro da aposta por unha sanidade pública eficiente e sostible. “En plena crise económica, estamos sendo capaces non só de manter a calidade do sistema sanitario senón de mellorar a calidade, a eficiencia e a capacidade de resolución do Sistema sanitario público galego. E isto se debe a un esforzo colectivo dos cidadáns, dos profesionais, das institucións, das empresas que traballan neste sector e da propia administración pública sanitaria”, aseverou.

Deste xeito, e nun primeiro lugar, o titular da Xunta referiuse ao esforzo de responsabilidade que están a facer os cidadáns, “priorizando cada vez máis a súa frecuencia tanto no ámbito da atención primaria como no ámbito hospitalario; e sendo máis conscientes ca nunca do uso racional da prestación farmacéutica”. E destacou o traballo dos profesionais sanitarios do Servizo galego de Saúde, “que están traballando dunha forma exemplar desde o punto de vista de compromiso, de condicións laborais e de rendemento e eficiencia. Nunca tanta actividade se tiña desenvolvido nos hospitais do Servizo Galego de Saúde en xornada ordinaria. Nunca un rendemento cirúrxico como o que tivemos nestes últimos anos se ofreceu no Servizo Galego de Saúde en xornada ordinaria”.

Así mesmo, resaltou os esforzos das empresas do sector por aquilatar custes, por presentar ofertas competitivas e por mellorar a súa propia eficiencia e a súa estrutura de custes. “Estamos a falar de empresas e institucións que están innovando, investigando e investindo”, explicou.

O responsable do Goberno galego afirmou que non hai unha boa política social sen unha boa política económica e subliñou que o equilibrio das contas públicas, o saneamento da facenda económica “é o que nos permite, en plena crise, non diminuír a actividade senón incrementala; non pechar alas de hospitais senón facer hospitais novos; e contar con máis hospitais, con máis centros de saúde, con máis técnicas diagnósticas e con máis tecnoloxía”.

“Neste momento, estamos facendo un gran esforzo en materia de infraestruturas hospitalarias; acabamos de licitar 15 centros de saúde; aos pensionistas galegos non lles pedimos que adianten o seu diñeiro máis alá dos 8 euros ao mes como máximo; e temos decido a asistencia gratuíta aos emigrantes, dado o grave problema demográfico que ten a comunidade e dado que temos folguras polo cumprimento estrito do déficit público”.

Conscientes de que este sector produce máis investimento que o gasto que leva consigo; Feijóo concluíu a súa intervención destacando a necesidade do sector sanitario para mellorar a nosa economía. “Somos conscientes de que este sector produce máis investimento, máis emprego que o gasto que leva consigo. Somos conscientes de que o gasto en sanidade sempre se recupera porque é un investimento desde o punto de vista de postos de traballo, avance tecnolóxico, competitividade da economía e das cotas de benestar dunha comunidade".
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia