Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Analistas da política galega debaten na Deputación de Lugo sobre o 21-O

O xornalista Valentín Carrera presenta o seu novo libro: As Eleccións xerais do 20N na rede, un ebook do que é autor xunto a Yolanda del Campo e que analiza a irrupción das redes sociais na campaña das xerais
Unha selección dos mellores analistas da política galega danse cita na Deputación para debater sobre o 21-O

Unha selección dos mellores analistas da política galega déronse no Salón de Actos da Deputación de Lugo para debater sobre o 21-O. Anxo Lugilde, columnista de El Progreso e La Vanguardia; Domingos Sampedro, o destacado cronista político de La Voz de Galicia; José Luis Gómez, exdirector de Xornal e pioneiro en prensa web e comentarista en TVE e outros medios; e Xabier Blanco, delegado en Santiago do diario La Región, abordarán temas como o posible fin do tripartidismo no Parlamento autonómico tras os comicios, a abstención como reflexo do desencanto popular e a incidencia da crise e as políticas de Rajoy na cita dos galegos coas urnas.

O xornalista e escritor Valentín Carrera moderará a mesa redonda, organizada polo organismo provincial baixo o título: “Eleccións galegas: O futuro do noso país”. Todos eles, cunha dilatada e prestixiosa traxectoria profesional, comparten ademais a súa participación en dúas tertulias de referencia do país: O Faladoiro e A Crónica, na Radio Galega.

Previamente a este debate, ás 20:00 horas, Valentín Carrera presentará o seu novo libro, As Eleccións xerais do 20N na rede: crónica e análise da campaña, un ebook do que é autor xunto a Yolanda del Campo e que analiza a irrupción das redes sociais nas últimas xerais. Trátase da continuación doutra obra anterior publicada hai un ano, Municipais 2011 en Galicia, ambas as dúas editadas en ebook por Edicións Lea. O titular da Corporación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presidirá ámbolos dous actos -presentación do libro e debate-, que organiza a Deputación.

Aposta polas novas tecnoloxías e a Rede

Os autores de As Eleccións xerais do 20N na rede, Carrera e Del Campo, traballan como community managers e fan con este ebook unha decidida aposta polas novas tecnoloxías e a Rede. Yolanda del Campo, que actualmente desempeña o seu labor na Escola de Cine de La Habana, é licenciada en Publicidade e Comunicación Audiovisual, realizadora de TV (a súa última serie na TVG foi O fío do retrato) e artista multimedia.

Pola súa banda, Valentín Carrera é escritor e xornalista de longa experiencia, autor dunha ducia de libros (Riosil, premio Blanco Amor de Novela) e numerosas series de TV (dende As viaxeiras da luz a Doa a doa), ademais de blogueiro da actualidade política galega en @Tornarratos e colaborador de Galicia Confidencial e outros medios.

En canto ao ebook, pódese descargar na web de Edicións Lea, a través do seguinte enlace: http://lea.galiciamedia.com/index.php/catalog/product/view/id/288/s/as-eleccions-xerais-do-20n-na-rede-pdf/category/10

Trátase da segunda entrega dunha serie de catro análises electorais: o primeiro estivo dedicado ás eleccións municipais (maio 2011); este céntrase na campaña das xerais do 20 de novembro pasado; o terceiro abordará xustamente a campaña das autonómicas galegas que está quentando motores; e rematará a serie cun cuarto traballo dedicado, no seu momento, á presenza e participación galegas no Parlamento Europeo. Os autores explican que se trata de catro escalóns político-administrativos (municipal, autonómico, estatal e europeo) aos que podería engadirse un quinto sobre as pedanías, se non fose porque están en proceso de desaparición.

Dobre lectura: Crónica desenfada e detida análise

Segundo Carrera e Del Campo, as 200 páxinas do libro que agora se publica teñen unha dobre lectura: fan unha crónica subxectiva e desenfadada de como foi a campaña electoral das xerais nas catro provincias galegas e percorre, día a día, nunha detida análise, a fervenza de informacións na Rede, principalmente en Twitter e Facebook. Os xornalistas afirman que esta análise “é posiblemente a parte máis novidosa do ebook: en maio de 2011, coa explosión do famoso 15M, a campaña estreouse timidamente nas redes sociais e algúns candidatos aventuráronse a dar os seus primeiros pasos en Twitter e Facebook, con certo despiste. Apenas seis meses despois, no 20N, a campaña xa discorreu pola rede dun xeito fluído e case principal, deixando atrás outros medios de comunicación”.

Para os autores, todo fai prever que nas eleccións autonómicas do 21 de outubro as redes sociais e os medios online “van ter un papel preponderante e decisivo, toda vez que os recursos económicos son escasos, as campañas terán orzamentos reducidos e as redes permiten, especialmente aos grupos novos ou pequenos, facer a súa guerrilla informativa cun custe económico moi baixo”.
Estudio Canle de Comunicación