O CGAC acolle diversas actividades en torno á exposición de Esther Ferrer
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/esther_ferrer_2.jpg)
Debido ao gran éxito da mostra da donostiarra, o CGAC pospón ata o 7 de outubro a súa clausura, programada inicialmente para o 30 de setembro, tempo no cal se realizarán diversas actividades vinculadas á obra da artista. Deste xeito, terá lugar o ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras, que inclúe unha mesa redonda e un concerto desenvolvido por Vertixe Sonora Ensemble, no que se liga a música contemporánea ás exposicións programadas no centro.
Durante os días 28 e 29 de setembro, e os días 5 e 6 de outubro, os asistentes poderán disfrutar do taller O corpo transparente, dirixido por Carlos Tejo, que se centrara na creación artística tomando como punto de partida o traballo da autora donostiarra e as súas reflexións acerca da performance. Ademais, o 2 de outubro terá lugar a derradeira visita guiada pola exposición conducida profesionais do ámbito cultural e artístico, neste caso da man do artista e crítico de arte Jorge Varela.
Ciclo ‘Música e arte. Correspondencias sonoras’
O ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras, programado para mañá 25 de setembro no CGAC, inclúe unha mesa redonda e un concerto con tres estreas que encomenda o grupo Vertixe Sonora, no que se liga a música contemporánea con cada unha das exposicións programadas no centro.
Os compositores que participan na actividade, Teresa Carrasco, coa súa obra ...tiempo; Sivan Cohen-Elias, con To move you stay; e Oriol Saladrigues, con Marco que enmarca marco, que enmarca marco, etc... que no enmarca nada, toman como punto de referencia os conceptos que Esther Ferrer manexa no seu traballo: tempo, infinito, presenza e repetición.
Se a composición de Oriol Saladrigues se centra especificamente no elemento da repetición, a de Teresa Carrasco explora o tempo en relación cos outros tres elementos. A de Silvan Cohen-Elias constrúese a partires do concepto de presenza, cunha concepción coreográfica características das súas últimas composicións que conecta coa arte performativa de Esther. Así mesmo, o programa inclúe as obras de Alex Hills, 5 Resonance Studies e o Fail de Milica Djordjevic, que se presentan por primeira vez en España e nas que subxace a idea de infinito.
Previamente ao concerto terá lugar unha mesa redonda na que participarán os compositores Sivan Cohe-Elias e Oriol Saladriguez, onde falarán sobre a súa obra.
Taller de performance ‘O corpo transparente’
O taller O corpo transparente, dirixido polo profesor da facultade de Belas Artes de Pontevedra, Carlos Tejo, centrarase na creación artística tomando como punto de partida o traballo da autora donostiarra e as súas reflexións acerca da performance.
Este obradoiro, que se desenvolverá en 4 sesións durante os días 28 e 29 de setembro e o 5 e 6 de outubro, tratará a identificación e a práctica das estratexias fundamentais desta disciplina, atendendo de xeito especial ao papel do corpo e as súas implicacións nas diferentes fases de creacións. Traballando con exercicios baseados no son, no ritmo, na presenza, no tempo, no azar e no espazo, os asistentes poderán ampliar o seu abano de recursos expresivos levando a cabo proxectos propios e xerando novos discursos que desafíen a materialidade da obra de arte.
As sesións terán un carácter eminentemente práctico e un enfoque baseado na importancia da experiencia, pero incluirán tamén unha breve introdución aos alicerces teóricos da performance e un achegamento á obra de artistas españois cuxo traballo se está a desenvolver enteiramente no marco desta disciplina como Juan Hidalgo, Bartolomé Ferrando, Los Torreznos, Nieves Correa ou María A. A.
Visitas guiadas por profesionais culturais e artísticos
Por último, dentro do programa de visitas guiadas á exposición de Esther Ferrer conducidas por profesionais do ámbito cultural e artístico, o vindeiro martes 2 de outubro terá lugar a derradeira de man do artista e crítico Jorge Varela. Estas visitas plantéxanse como unha conversa sobre as exposicións entre o público e profesionais de diferentes disciplinas culturais, permitindo ao público asistente cada semana compartir múltiples puntos de vista sobre as linguaxes artísticas contemporáneas e outras cuestións que susciten interese.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia