Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Etnolóxico de Ribadavia, primeiro europeo que participa na Primavera dos museos

O Museo Etnolóxico de Ribadavia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa na sexta edición da Primavera dos Museos, unha iniciativa que este ano pon en marcha o IBRAM (Instituto Brasileiro de Museus) dentro da plataforma iberoamericana Ibermuseos. Esta é a primeira vez que un museo europeo participa neste evento cultural, que se celebra en Brasil entre os días 24 e 30 de setembro. O programa, que inclúe 2.400 actividades, está conformado polas iniciativas que realizan nas súas respectivas sedes os máis de 800 museos e outras entidades culturais que participan na iniciativa.

A sexta edición da Primavera dos Museos que promove o IBRAM responde ao lema A función social do museo. Con tal motivo, o Museo Etnolóxico de Ribadavia participa na iniciativa a través da organización de varias ‘visitas-taller’ ás súas exposicións, dirixidas a colectivos de varias institucións e entidades, algunhas das cales levan varios anos colaborando no programa Museo Aberto que promove o Museo Etnolóxico.

Visitas-taller

As actividades programados polo Museo Etnolóxico deron comezo hoxe coa visita do Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, na que reclusos deste centro tiveron a oportunidade de coñecer as exposicións do museo, así como de visitar o seu taller de restauración, o departamento de fotografía e mais o arquivo e a biblioteca. Finalmente, participaron nun coloquio arredor do funcionamento do museo.

As actividades prolongaranse nos próximos días. Está previsto que, ata o venres 28 de setembro se organicen visitas guiadas para aulas da terceira idade do Fogar Residencial de Maiores de Carballeda de Avia e para integrantes da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFOR), así como talleres coa Cruz Vermella de Ribadavia orientados ao colectivo de discapacitados cos que opera esta organización.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia