Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Máis de 40 concellos galegos xa empregan a aplicación informática do Inega para aforrar no consumo enerxético

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), puxo en marcha o pasado mes de xullo unha aplicación informática para mellorar e eficiencia no consumo enerxético dos concellos, co obxectivo de que poidan aforrar na súa factura eléctrica. Esta ferramenta, que suma xa máis de 40 usuarios, facilita aos municipios o cálculo das tarifas eléctricas, amosando distintas posibilidades de aforro como a contratación da subministración máis axeitada ás súas necesidades.

A ferramenta permite aos municipios optimizar a potencia contratada e a demanda de enerxía, indicando, en cada momento, as posibles medidas a tomar para mellorar consumos e custos. Ademais, comproba de xeito automático que os consumos de enerxía son coherentes, e avisa tamén aos concellos que están a pagar un recargo do 20% no prezo da factura por non teres pasado ao mercado libre, ao tempo que constata que os prezos contratados están en consonancia coa demanda enerxética municipal e co tipo de consumo realizado, evitando que se supere a media de prezos do mercado.

Os concellos interesados poden darse de alta na páxina web do Inega www.inega.es. Os seus datos serán analizados propoñendo medidas concretas a pór en marcha no subministro de enerxía, para optimizar a potencia e os resultados. Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria aspira a mellorar os consumos enerxéticos municipais, que ascenden, de media, a case 13.000 tep/ano e dos cales o 78% corresponde a enerxía eléctrica.

Neste contexto, cómpre salientar que no mes de abril o Inega puxo en marcha, tamén, un servizo de asesoría enerxética específico para os concellos que persegue centralizar a atención municipal resolvendo, de xeito individual, as distintas dúbidas formulan os municipios en campos como a contratación da electricidade no mercado libre, os prezos a pagar pola enerxía ou a modernización do mantemento.

Ata o de agora, resolvéronse máis dun centenar de consultas individuais nas que os interesados plantexaron tanto información para poder diminuír a súa factura eléctrica como as opcións que ofrece o mercado para facelo a través de empresas de servizos enerxéticos –empresas que proporcionan servizos enerxéticos ou de mellora da eficiencia enerxética amortizando ditos servizos en función dos beneficios obtidos das melloras na eficiencia enerxética-.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia