Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A exposición multimedia sobre Valentín Paz-Andrade chega á Biblioteca Nodal

A exposición multimedia sobre Valentín Paz-Andrade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pode visitarse na biblioteca nodal de Lugo desde hoxe ata o 13 de outubro. Logo do seu paso polas bibliotecas nodais de Pontevedra e de Santiago de Compostela, a mostra sobre a vida e a figura do escritor e político chega á provincia de Lugo.

Esta exposición que promoven a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística forma parte das actividades que a Xunta de Galicia promoveu este ano arredor das Letras Galegas 2012, co obxectivo de celebrar esta efeméride e de impulsar a difusión social da vida e da obra de Valentín Paz-Andrade.

Con este fin, a mostra conta con cinco paneis con textos explicativos sobre as diversas facetas do escritor e empresario. Ademais, cada un deles inclúe audiovisuais nos que diferentes coñecedores da traxectoria do escritor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade, entre os que se encontran o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro.

Percorrido polas catro provincias

A exposición percorreu durante o primeiro semestre do ano centros educativos dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vila de Cruces, Mazaricos, Sada, Vigo, Xinzo de Limia, A Pobra de Trives, Sarria e mais Navia de Suarna. Logo da parada estival, a mostra retomou a súa itinerancia o pasado mes de setembro na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra, para continuar na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela.

Tras o seu paso por Lugo, onde permanecerá ata o día 13 de outubro, a mostra proseguirá a súa viaxe pola comunidade galega para difundir entre a cidadanía a vida e a obra do escritor e empresario. Nos próximos meses, a exposición chegará a novos espazos públicos de Galicia. A biblioteca nodal da Coruña acollerá a mostra do 16 ao 29 de outuro. Xa no mes de novembro, a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística levarán a exposición ata o Espazo Xoven de Ourense no mes de novembro. Finalmente, a itinerancia rematará no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a onde chegará no mes de decembro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia