A Xunta valora o labor da Fundación Menela con persoas que padecen autismo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/fundacion_menela_visita.jpg)
Estivo acompañada do director xeral da Fundación Menela, Cipriano Jiménez, e do director xerente, José Manuel Varela, ademais do equipo directivo do centro educativo. A representante do Goberno galego en Vigo aproveitou o encontro para coñecer as instalacións, que están dirixidas a alumnos e alumnas con trastornos xeneralizados do desenvolvemento (trastorno autista), de entre 3 a 21 anos. Así, conta con 8 unidades de educación especial concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecendo servizo a uns 32 alumnos e alumnas.
Bravo Bosch resaltou así a actividade que realiza dita fundación co obxectivo de contribuir á mellora da calidade e condicións de vida das persoas con autismo e trastornos do espectro autista, axudándolles a superar as dificultades e a conseguir unha digna calidade de vida, dando resposta ás necesidades específicas ao longo de todo o seu ciclo vital.
O CEE da Fundación Menela está atendido por un equipo multiprofesional, no que se integran profesores titulares especialistas en educación especial, audición e linguaxe; médico-psiquiatra; psicóloga; traballadora social; e auxiliares técnicos educativos. Em canto ás instalacións, teñen comedor escolar, aulas de educación especial con equipos informáticos, xardín con parque infantil e realizan actividades deportivas (natación e educación física), musicoterapia, actividades de lecer e tempo libre, obradoiros de xardinería, cociña ou lavandaría, entre outros. A delegada recoñeceu así o traballo dos pais e nais así coma de todo o equipo directivo e traballadores do centro.
A Fundación Menela
É unha entidade de iniciativa social clasificada benéfico-asistencial e de interese galego. Constituíuse en Vigo no ano 1989, co obxectivo fundacional de promover e dar apoio ás persoas con discapacidade e dependencia e ás súas familias, especialmente ás persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA), a través de programas asistenciais, promoción social, inserción laboral e formación.
No itinerario histórico da fundación hai que destacar a incorporación do Centro Menela en 1996, que xa viña funcionando dende o ano 1976, a posta en marcha do Centro de Día e Residencia para Adultos Castro Navás (1993), que se atopa en Priegue-Nigrán, a creación da Empresa Castro Navás S.L. para a promoción laboral de persoas con TEA (1998), a inauguración do edificio CAMI (2004), a constitución da Fundación Tutelar “Camiño do Miño” (2007), e a construción do centro Residencial para persoas maiores con autismo e dependencia, que construíu na mesma zona de Priegue, e que cano abra as súas portas servirá para que as persoas con autismo con máis idade e dependentes teñan un espazo onde poidan ser atendidos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia