A mostra Arredor do mar achega o pasado das vilas mariñeiras en 64 fotos
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/arredor_do_mar.jpg)
A exposición está composta por 64 instantáneas da vida cotiá de finais do século XIX e mediados do XX –moitas delas inéditas– pertencentes ao Museo de Pontevedra, que “constitúen testemuños gráficos de enorme riqueza para a nosa cultura, o que as fai posuidoras dun grande interese desde o punto de vista histórico, antropolóxico e social”, afirmou Anxo Lorenzo.
“Os quilómetros de costa que debuxan a paisaxe de Galicia, ademais da súa riqueza e da beleza natural que nos ofrecen, levan modelando ao longo da historia a relación que desde antigo mantivemos os galegos e as galegas co mar –engadiu o secretario xeral–, unha relación á que agora nos achegan as miradas de diferentes fotógrafos que atoparon nas nosas vilas mariñeiras ese poder evocador de emocións que lle dá sentido á arte”.
Retratos da vida ao carón do mar
Arredor do mar propón un apaixonante percorrido ao pasado de vilas mariñeiras como Bueu, Moaña ou A Illa da Toxa a través da súa memoria fotográfica e grazas ao traballo de prestixiosos fotógrafos coma Francisco Zagala, Lorenzo Novás, Joaquín Pintos, Otto Wunderlich, Enrique Sarabia ou José Suárez, que capturaron diferentes escenas da vida cotiá. É o caso do único testemuño gráfico que existe da protesta dos mariñeiros do xeito contra a arte da traíña durante a visita da raíña rexente María Cristina e o seu fillo, o príncipe Alfonso, futuro Alfonso XIII, captado polo fotógrafo Joaquín Pintos.
As imaxes máis antigas son obra de Francisco Zagala e o seu discípulo e sucesor Lorenzo Novás. Ambos traballaron para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que foi pioneira na recuperación do patrimonio cultural desde a súa creación en 1894. Son fundamentalmente fotografías de finais do século XIX, que retratan a vida ao carón do mar, o traballo dos mariñeiros, das mariscadoras ou nas fábricas de conservas.
Unha óptica diferente, a do mar como destino turístico, é a que ofrece o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen percorreu en 1929 a provincia de Pontevedra tomando as imaxes que ilustrarían os seus folletos publicitarios. Así, as praias como as de Cangas ou Sanxenxo que el fotografou, e que poden apreciarse nesta mostra, convertéronse en símbolos turísticos de Galicia.
A visión sobre o mar e o que sucede ao seu redor enriquécese nesta exposición a través tamén da mirada de fotógrafos afeccionados coma o empresario vigués Martín Echegaray, o xuíz José Bellver, o comandante de infantería Julio Fernández de los Ríos ou o Italiano Atitilio Gaggero –con importantes ligazóns nas empresas conserveiras de Bueu–, que tiñan na arte da fotografía unha das súas grandes paixóns.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia