Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo di que remata a lexislatura colocando con normalidade a débeda

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou, na rolda de prensa do Consello, que Galicia finaliza a súa lexislatura colocando con normalidade a súa débeda e tendo crédito no peor momento posible, mentres a maioría das comunidades teñen pechado todos os mercados de débeda e están acudindo ao Fondo de Liquidez con contías de 5.000 millóns de euros.

O titular da Xunta cualificou a noticia de “excelente para a próxima lexislatura” e afirmou que garantir a solvencia da comunidade supón un triplo beneficio: “beneficiámonos nós mesmos, porque unha comunidade fiable e solvente xera más confianza para os investidores; beneficiamos aos nosos provedores, porque cobran e as facturas páganse; e beneficiamos a España, porque hai unha comunidade que se está financiando con normalidade a pesar da situación de prima de risco do Reino de España e a pesar do peche de mercados para a inmensa maioría das comunidades”.

Galicia leva executado o 72% do seu Programa de endebedamento
Deste xeito, Feijóo precisou que Galicia leva executado, a data de hoxe, xa, o 72% do total do seu Programa de endebedamento autorizado polo Ministerio de Facenda do Goberno central; “30 puntos máis que a media das comunidades autónomas”. “E isto significa que por cada 4 euros que os mercados lle fían ás comunidades, a Galicia lle fían 7 euros”, explicou, logo de recalcar que estes datos son o suficientemente concluíntes para comprobar a solvencia da comunidade.

Así mesmo, o responsable do Goberno galego destacou que só no último mes, Galicia foi capaz de pechar operacións polo 18% do total do Programa de endebedamento que ten autorizado para o ano 2012, ademais de manter neste momento negociacións avanzadas sobre outro 10%.

Feijóo incidiu en que, pese ás dificultades que se están pasando en España, Galicia sigue gozando de crédito entre os bancos e entre os investidores. “A pesar de todas as dificultades, Galicia sigue tendo crédito e Galicia sigue sendo unha comunidade solvente e, grazas a isto: Galicia está logrando reducir a ratio de débeda sobre o PIB; non necesitamos acudir aos créditos ICO nin ao Fondo de Liquidez das comunidades financiado polo Goberno central; Galicia, hoxe, ten 3 puntos de débeda pública por debaixo da media das comunidades; e mantemos un autogoberno”.

Feijóo salientou que, cando hai comunidades que están acudindo ao Fondo de liquidez, Galicia pediu cero euros dos 50.000 millóns de euros que o Goberno de España puxo a disposición das comunidades “e, grazas a isto, estamos logrando financiarnos sen sobresaltos; é dicir, estamos conseguindo colocar a nosa débeda entre 200 e 250 puntos básicos por debaixo do prezo que pagan o resto das comunidades para colocar a súa débeda”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia