Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta investirá 35 millóns en innovación para crear 300 empresas en 2 anos

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou un investimento de 35 millóns de euros en innovación, que permitirá crear, nos próximos dous anos, 300 empresas innovadoras e mobilizará un investimento total de 80 millóns de euros. Así o asegurou na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que hoxe autorizou, a sinatura dun convenio de colaboración entre o Goberno galego, a través da Axencia Galega de Innovación (AGI), e o Ministerio de Economía e Competividade, para colaborar na posta en marcha de actuacións estratéxicas no campo da I+D+i por valor de 35 millóns de euros durante os próximos dous anos.

“Son 35 millóns de euros que teñen como obxectivo a creación, nos próximos dous anos, de 300 empresas, mobilizar 42,5 millóns adicionais de investimento privado e conseguir un retorno de 11,8 millóns de euros de fondos europeos. En definitiva –abondou Feijóo-, todo este proxecto de innovación vai mobilizar, entre recursos públicos, recursos privados e fondos europeos preto de 80 millóns de euros máis para a innovación empresarial”.

Segundo se recolle no acordo autorizado hoxe, a primeira das actuacións que se van financiar é a posta en marcha de contratos-programa para a consolidación de centros de coñecemento, centros tecnolóxicos, centros do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia e organismos da Plataforma de Innovación Sanitaria.

En segundo lugar, segundo explicou o presidente galego, apoiarase a posta en marcha dun Centro de Excelencia e Crecemento Empresarial, entendido, dixo, “como un foro colectivo de boas prácticas na xestión da innovación empresarial en Galicia”.

Tamén se apostará pola dinamización do fondo tecnolóxico, promoveranse proxectos susceptibles de recibir financiamento, tendo en conta, sinalou Feijóo, “que este cobre ata o 70% do custo total dos proxectos quedando o 30% a cargo do beneficiario, como media”.

En cuarto lugar, incidiu o mandatario autonómico, apostarase pola incorporación de talento innovador ás empresas. Así, o convenio autorizado hoxe garante a continuidade do Programa Rede de Xestores de Innovación de Galicia, para formar e incorporar expertos xestores da innovación ás empresas galegas.

“E por último, búscase a captación de talento internacional”, argumentou o presidente da Xunta, afirmando que se trata “de recuperar a científicos galegos que estean traballando no estranxeiro mediante unha convocatoria internacional que facilite á súa volta á comunidade autónoma”, para que aqueles científicos que queiran regresar poidan aportar a súa experiencia, a súa bagaxe e os seus coñecementos adquiridos.

“Polo tanto, son 35 millóns de euros de recursos públicos que totalizan 80 millóns de euros máis para a investigación e para os investigadores; é dicir, 80 millóns de euros máis para a innovación, a investigación aplicada e para as empresas que están apostando pola innovación para mellorar os seus produtos, para mellorar os seus procedementos e para exportar máis e, en consecuencia para crear emprego”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia