Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA presentará recurso de reposición contra o arquivo da denuncia polo enterramento de vacas en Mesía

En relación á Resolución do Xulgado de Ordes coñecida onte de sobreseimento libre e arquivo das actuacións referidas ás dilixencias previas por suposto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente polos feitos do enterramento masivo de vacas mortas nunha canteira, propiedade de Erimsa, en Fontelanzá (Mesía), a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) anuncia a presentación de recurso de reposición contra dita Resolución. ADEGA sigue a entender que os devanditos feitos son constitutivos de delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.
ADEGA está en desacordo coa resolución do Xulgado de Ordes, por canto:
a)O enterramento masivo de vacas, -en contra do disposto no Decreto 1911/2000 sobre o tratamento dos materiais específicos de risco (MER) e na lexislación sobre vertidos-, supuxo un grave risco para o ambiente e a saúde humana e, polo tanto, non pode menos que ser cualificado de delito ambiental, con independencia de que logo estes riscos cheguen ou non a materializarse en danos concretos sobre o ambiente e a saúde das persoas.
b)As actuacións que, coa finalidade de reducir no posíbel os danos e riscos sobre o medio ambiente, se fixeron no vertedoiro con posterioridade aos feitos, de ningunha forma poden eximir da responsabilidade penal por canto, ademais de estaren provocados pola mobilización cidadá e de seren de dubidosa eficacia fronte aos riscos da EEB e demais riscos de contaminación, en nada poden afectar á calificación inicial dos feitos, por máis que poidan aceptarse como circunstancia atenuante.
c)A situación de excepcionalidade de falta de capacidade na planta procesadora de SOGASA en Ourense para asumir todos os MER xerados daquela en Galiza nunca pode xustificar que este enterramento se fisexe con nocturnidade e sen as máis mínimas medidas de precaución en canto a impermeabilización e adecuación do lugar de vertido.
d) As probas da defensa que o xulgado de Ordes tivo en conta para dictar a resolución de sobreseimento carecen de toda idoneidade en relación á causa xulgada. No que se refire as ánalises da auga, nada pode dicer a presenza ou non de estreptococos en relación aos moitos riscos de contaminación biolóxica e química que aquí se dan. E canto ás probas periciais sinalando a falta actual de danos, a xuízo de ADEGA, o delito existe dende o momento en que se produce a situación de risco con independencia de que logo ese risco chegue a materializarse. Esta é a filosofía que se aplica en todos os delitos penais e, polo tanto, tamén hai que a aplicar aos delitos de meio ambiente, sobre todo cando estas situacións de risco veñen producidas por unha administración que está obrigada á aplicación e cumprimento da lexislación.
Na canteira de Lanzá foron enterradas máis de 300 reses sospeitosas de padeceren a encefalopatía esponxiforme bovina sen realizárense as correspondentes probas e sen terse feito unha mínima adecuación do lugar para cumprir coa lexislación de vertedoiros. Tal enterramento, -decidido dende a Administración e non dende a empresa responsable da recollida de reses mortas-, tivo lugar durante sucesivos días até que foi paralizado pola mobilización dos veciños co respaldo de organizacións ecoloxistas e sindicatos agrarios.
Adega