Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha mostra multimedia percorre a vida e obra de Valentín Paz-Andrade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón un percorrido pola vida e pola obra de Valentín Paz-Andrade a través dunha exposición multimedia sobre o escritor e empresario, que pode visitarse na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.

Despois do seu paso polas bibliotecas nodais de Pontevedra, de Santiago de Compostela e de Lugo, a mostra sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 –promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística– chega agora á Coruña, onde permanecerá ata o 29 de outubro.

Durante estes días, as persoas que visiten a mostra poderán achegarse á traxectoria vital e profesional de Paz-Andrade a través de cinco paneis. Neles combínanse textos explicativos con audiovisuais nos que diferentes coñecedores da traxectoria do escritor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade, entre eles, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro Fente.

Posta en valor das letras galegas

Esta exposición multimedia sobre a figura de Paz-Andrade forma parte das iniciativas que a Xunta de Galicia promoveu este ano arredor da celebración do Día das Letras Galegas 2012. Ao mesmo tempo, enmárcase nas actuacións promovidas pola Consellería de Cultura e Educación para poñer en valor e difundir entre a cidadanía a obra das escritoras e dos escritores galegos máis senlleiros.

As seguintes paradas da mostra serán o Espazo Xoven de Ourense, no mes de novembro, e o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, no mes de decembro. Estes dous destinos completan a itinerancia iniciada pola exposición o pasado mes de abril e que a levou, durante o primeiro semestre do ano, por nove centros educativos de toda Galicia, onde os alumnos e alumnas tiveron ocasión de afondar no seu coñecemento sobre Valentín Paz-Andrade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia