Galicia aforra uns 50 millóns de euros no gasto farmacéutico ata setembro

Feijóo avanzou que na próxima lexislatura que agora comeza Galicia “continuará na senda da racionalización e da eficiencia do gasto farmacéutico”, xa que estas políticas garanten “ter capacidade e ter recursos para diminuír as listas de espera e para cumprir os compromisos de infraestruturas hospitalarias e infraestruturas de centros de saúde”.
Segundo o presidente, o catálogo priorizado de medicamentos deu os seus froitos e, por iso, “vamos seguir como fixemos desde o principio da lexislatura”. “O primeiro ano da lexislatura – engadiu o presidente- conseguimos que o gasto farmacéutico non subira. Polo tanto, conxelar o gasto. No ano 11 conseguimos diminuír en máis de 100 millóns de euros e neste ano 12 levamos xa nos nove primeiros meses uns 50 millóns de euros menos que no ano 11”.
Alberto Núñez Feijóo recalcou que se toman estas medidas, en primeiro lugar “por responsabilidade, para sustentar o sistema sanitario público en plena crise económica” e, en segundo lugar, “por necesidade de cumprir as prioridades do gasto sanitario que teñen que ir na diminución de lista de espera e de mellores infraestruturas sanitarias”.
Aínda que agora se sitúa nun gasto similar ao do ano 2007, o presidente Feijóo explicou que Galicia “sigue tendo un gasto farmacéutico por persoa superior á media das comunidades autónomas. “É verdade que temos unha poboación máis envellecida, pero é verdade tamén que seguimos tendo un gasto por receita superior ao resto das comunidades”, explicou.
Por iso insistiu en que “hai traballo por facer” e recoñeceu o traballo dos facultativos de atención primaria e hospitalaria así como “a receptividade” dos pacientes “que están observando e vendo como a racionalización do gasto farmacéutico vai directamente a beneficiar aos usuarios do Servizo Galego de Saúde, que terán máis recursos para diminuír esperas e máis recursos para maior tecnoloxías e maior confort hospitalario”, recalcou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia